Práctica cirúrxica en Montecelo con monitorización hemodinámica avanzada
Por Redacción
Os quirófanos do Hospital Montecelo acollen este venres catro sesións de práctica cirúrxica con monitorización hemodinámica avanzada, nas que residentes de último ano e facultativos adxuntos están tendo a oportunidade observar intervencións cirúrxicas de diferentes especialidades e de alta complexidade anestésica nas que os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario aplican esta tecnoloxía de última xeración.
Esta xornada ten como principal obxectivo a ampliación dos coñecementos teóricos e prácticos sobre os distintos sistemas de monitorización hemodinámica avanzada, de maneira que os participantes aprendan a desenvolver unha planificación do paciente baseada na terapia hemodinámica guiada por obxectivos no perioperatoio e no paciente crítico.
As intervencións escollidas polo servizo de Anestesioloxía e Reanimación do complexo hospitalario, a cargo da doutora Maruxa Carro Roibal, consisten nun recambio e reimplante de prótese de cadeira, nunha gastrectomía vertical por vía laparoscópica, empregada na cirurxía bariátrica para reducir o tamaño do estómago do paciente; unha resección hepática a través da cal se extirpará parte do fígado do paciente, e unha prostatectomía radical por vía laparoscópica, na que se procederá a extirpar toda a glándula prostática, ao igual que algúns tecidos situados ao seu arredor co obxectivo de tratar o cancro de próstata.
En concreto, ás cirurxías programadas nas salas operatorias do hospital Montecelo, que están dotadas de sistemas de monitorización hemodinámica avanzada, asisten un total de 12 alumnos que aprenderán a levar a cabo o manexo da terapia por obxectivos, segundo as actuais recomendacións dos programas de Rehabilitación multimodal.
Cómpre sinalar que a coordinadora do curso en Pontevedra, a doutora Beatriz Hernández Vázquez, xunto coas docentes Mara Taboada, Yolanda Sanduende, Sabela del Río, Marta Casalderrey, Marina Barreiro, María Navarro e María Cristina Taboada, foron as profesionais de Pontevedra que se ocuparon de impartir a parte teórica da I edición do Curso Monitorización Hemodinámica avanzada perioperatoria e en paciente crítico.
Así mesmo, na parte práctica, os alumnos tamén poderán dispoñer da monitorización invasora propia dunha unidade de Coidados Intensivos e dun simulador de situacións críticas, de forma que, durante o perioperatorio e divididos en grupos de catro, poderán observar a monitorización hemodinámica e a terapia guiada por obxectivos.
Relacionadas:
-
O Hospital Provincial acolle un laboratorio móbil de alta tecnoloxía para prácticas cirúrxicas
Por Redacción |
-
Os quirófanos do CHOP innovan coa máis moderna tecnoloxía 3D
Por Redacción |
-
Estudantes de pre-Medicina de EE.UU inician prácticas de verán no CHOP
Por Oskar Viéitez |
-
Prosagal protesta nas rúas contra o peche de camas hospitalarias durante o verán
Por Mónica Patxot & Redacción |