Francisco Javier Menéndez Estébanez é o presidente da Audiencia Provincial. Non adoita prodigarse nos medios porque aplica ese equitativo fiel da balanza que sostén a Dama da Xustiza. O equilibrio está no termo medio. Falamos co xuíz maxistrado, pero tamén co xixonés dun barrio obreiro.
Hai unha frase lapidaria que Francisco Javier Menéndez apunta case ao comezar esta Playlist de PontevedraViva Radio: "a patria do home é a infancia". Ben, pois nesa patria mamou uns principios que se lle quedaron no ADN, se é que non os levaba xa. Esforzo, responsabilidade, humildade, fortaleza, e saber estar. Quizá por iso, cando deixou esa patria - pero non o seu Xixón natal -, a vida foille recompensando co paso do tempo.
Terminou a carreira de Dereito en cinco anos, en dous anos aprobou as oposicións a xuíz e aos 26 marchou a Llanes ao seu primeiro traballo nun xulgado. Acababa de casar con Marisol, a muller da súa vida. Non é esaxeración, coñeceuna con 15 anos! e acaban de cumprir as súas vodas de prata. Logo trasladáronse a Tolosa. Na bela San Sebastián veu ao mundo a súa filla Andrea.
Descoñezo cantos anos necesítanse para ser "pontevedrés de adopción" pero Menéndez Estébanez está a piques de cumprir 19 de anos de vida nesta cidade. Completando a familia, e xa en terras galegas, naceu Carlota.
Do Xulgado de Instrución ao que chegou na cidade do Lérez, pasou ao Pazo de Xustiza, e en 2009 foi nomeado o presidente da Audiencia Provincial.
Segue dedicándolle horas á súa profesión, pero tamén ten claro que se as circunstancias llo permiten non agardará aos 72 para xubilarse. Quere gozar desa parte da vida, tal vez estudando Filosofía e Letras, tal vez comprándose unha guitarra eléctrica e recuperando anos perdidos de práctica, tal vez viaxando; pero o que é seguro é que haberá música acompañándoo.