Carlos Esperón de UGT: "Se hoxe a patronal da alimentación non ofrece avances, abandonamos a xuntanza"
Por Anxo Lourido
Patronal e sindicatos da alimentación manteñen, esta tarde, unha segunda reunión en menos de 48 horas. Outra vez coa presenza do Xefe provincial da Inspección de Traballo, José María Casas de Ron como mediador. Pero nesta ocasión, os sindicatos ameazan con erguerse da mesa se a patronal non ofrece algunha mellora na negociación.
Segundo afirma Carlos Esperón, delegado de Comercio en UGT, a última entrevista entre as partes serviu para pouco xa que acusa a patronal de "estar abocándonos á folga, seguen a propoñer o mesmo que o día 15, non hai avances". O representante sindical asegura que o Xefe da Inspección de Traballo "entrou en cólera cando viu que non había propostas por parte da patronal e fixo unha advertencia para hoxe para que se tentase achegar as posturas".
Dende os sindicatos indican que os empresarios só ofrecen datos de baixada de vendas e de consumo pero non de perdas. E apuntan que durante o último ano lograron un 7% de beneficios. Ante este panorama, Carlos Esperón indica que eles a mellora salarial que piden se reduce á aplicación do IPC real.
A folga no sector da alimentación está prevista para os días 25, 26, 27, 28 e 30 deste mes, durante a Semana Santa, naqueles establecementos que están incluídos na negociación deste convenio como son os pertencentes aos grupos Froiz e Gadisa.