Volve a rifa ao Pleno da Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A tensión e o enfrontamento dialéctico volveu marcar o desenvolvemento do Pleno da Deputación de Pontevedra.
A rifa empezou antes mesmo de arrincar a sesión, cando a deputada do grupo provincial do Partido Popular, Elena Muñoz, trasladou a súa queixa pola decisión do goberno bipartito, argumentada nun informe xurídico do Secretario da institución, de "censurar" unha das mocións que o PP presentou para o seu debate. Muñoz explicou que o grupo popular pedía a comparecencia da presidenta, Carmela Silva para que ofreza toda a información relativa aos "supuestos casos de corrupción", e especialmente polo suposto "enchufe" da súa cuñada.
Non asistiu hoxe Carmela Silva ao Pleno por "recomendación médica ao estar indisposta", e o presidente accidental, César Mosquera, foi quen cominou á portavoz do PP a que ciñese a súa intervención para expoñer a queixa e que non "aproveitase" para facer un discurso "que non procede". Elena Muñoz desatendeu as chamadas de Mosquera para que interrompese a súa intervención iniciándose a primeira pequena liorta da mañá.
Estes encontróns repetíronse durante o debate doutros puntos. Mosquera cortou mesmo o micrófono á portavoz do PP, Nidia Arévalo, ao superar o tempo asignado para a súa intervención e estar a falar de "asuntos que nada teñen que ver co contido da moción". Esta decisión foi contestada pola bancada popular cunha sonora protesta.
Nidia Arévalo pediu a intervención do Secretario do Pleno amparándose no regulamento de organización pero Mosquera animoulle a seguir coa orde do día e advertiu que cortaría calquera intervención que se salga do previsto porque "non queremos que o Pleno se converta nun circo".
EUCALIPTOS
Entre o máis salientable deste luns, o pleno da Deputación tamén aprobou unicamente cos votos a favor dos catro deputados do BNG e o deputados proponente da coalición electoral SON-Marea, unha moción "pola biodiversidade fronte á eucaliptización". Os deputados do Partido Popular e do Partido Socialista abstivéronse.
VECIÑOS DE FORCAREI
Preto dun centenar de veciños de Forcarei acudiron este luns ao Pazo Provincial para asistir ao Pleno da Deputación de Pontevedra no que interviñeron ao comezo da sesión para esixir á Xunta de Galicia o mantemento dos traballadores que actualmente prestan servizo no centro de saúde de Soutelo de Montes, unha decisión que tachan de "sinsentido" e "atropelo".