A avenida de Montero Ríos acollerá este martes o "Mercaemprende"
Por Oskar Viéitez
O goberno da Deputación ven de aprobar as bases para convocar aos colexios públicos de Educación Primaria e Especial da provincia de Pontevedra para participar no programa "Depoemprende na Escola 2017-2018" co obxectivo de "promover a cultura emprendedora na escola".
Esta iniciativa ten por obxectivo promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo, achegando estas competencias entre o alumnado de primaria e educación especial, impulsando que sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica, a través da creación e xestión dunha cooperativa escolar nas aulas que fabrique produtos que se venderán unha vez ao ano, nun mercado ou feira da súa localidade.
O goberno provincial quere favorecer o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.
Para conseguir estes obxectivos, a institución provincial vai achegar ao profesorado recursos didácticos para poder levar a cabo o proxecto, a través dunha guía con propostas metodolóxicas e actividades para afondar nos contidos.
Pola súa banda, o alumnado contará cun libro de traballo para poñer en marcha as súas cooperativas e empresas e, ademais, porase a disposición da comunidade escolar un portal educativo como elemento de referencia.
Os centros educativos que desexen participar o vindeiro curso en "Depoemprende na Escola" deberán presentar, antes do día 15 de xullo, a solicitude para poñer en marcha unha cooperativa que será xestionada, a elixir, por alumnado de 5º ou 6º de primaria.
Precisamente este martes, 30 de maio, terá lugar na avenida de Montero Ríos o evento "MercaEmprende" no que alumnado do CEIP Plurilingüe nº1 de Tui, CEIP Barcelos de Pontevedra, CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa, CEE Príncipe Felipe de Pontevedra, CEIP A Rúa de Cangas, CEIP Frián-Teis de Vigo, CEIP Xulia Becerra de Ribadumia, CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados e CEIP Laredo de Redondela, que participaron no programa este curso, porá á venda os produtos fabricados polas súa cooperativas.