Pontevedra convértese en Oeste para os seis meses de rodaxe de "Vivir sin permiso"
Por Alejandro Espiño
Non é habitual que Galicia acolla a rodaxe dunha serie de televisión nacional. E, moito menos, que o faga de forma íntegra como sucederá con Vivir sin permiso, unha das grandes apostas de ficción de Telecinco para a súa próxima tempada. Ao longo dos próximos seis meses, a provincia de Pontevedra converterase na ficticia comarca de Oeste.
Vivir sin permiso "no tendría sentido más que aquí, en Galicia", explicou a directora de Ficción de Mediaset España, Arantxa Écija, que xunto ao creador da serie, Aitor Gabilondo (El Príncipe), presentaron no Pazo da Toxeiriña (Moraña) a rodaxe deste proxecto, que comezará o próximo 9 de xuño en Pontevedra.
Este pazo será o epicentro da rodaxe. Converterase na residencia de Nemo Bandeira, ao que dará vida o actor José Coronado, un home que se enriqueceu no pasado con actividades ilegais pero que conseguiu blanquear a súa traxectoria ata erixirse nun dos empresarios máis influentes de Galicia, a través da súa importantísima compañía conserveira.
Cando a Nemo, ao cumprir os 60 anos, diagnostícanlle alzhéimer, tratará de ocultar a súa enfermidade para non mostrarse vulnerable ante os seus inimigos. Ao mesmo tempo, pon en marcha o proceso para elixir o seu sucesor, o que provoca unha hecatombe na familia.
Os seus dous fillos lexítimos, que nunca tiveron interese algún polos negocios, de súpeto tentan demostrar que cada cal é o candidato máis adecuado. O seu afillado, o brillante e implacable avogado Mario Mendoza (Álex González), é obxectivamente o máis preparado, aínda que carece de algo vital: levar a mesma sangue que o seu padriño.
Ao saber que Nemo non o contempla como herdeiro do imperio, poñerá en marcha o seu propio plan sen abandonar o seu encantador sorriso, o que lle converterá no máis perigoso e desapiadado dos seus inimigos.
Á fronte do proxecto están José Coronado e Álex González, dous actores cos que Aitor Gabilondo xa traballou en El Príncipe. "Juntos son una pareja artística muy poderosa", sinalou. "Son amigos y eso facilita mucho la comunicación entre ellos. Son muy profesionales y eso me tranquiliza mucho a la hora de iniciar el rodaje".
Xunto con Coronado e González, Vivir sin permiso terá entre os seus protagonistas a Ricardo Gómez (Cuéntame) e Álex Monner (Sé quien eres)
Xunto con Coronado e González, Vivir sin permiso terá entre os seus protagonistas a Ricardo Gómez (Cuéntame), que interpretará a un dos fillos de Nemo Bandeira, e con Álex Monner (Sé quien eres). Nos próximos días anunciaranse máis fichaxes para unha serie que, como non podía ser doutra maneira, contará con grandes talentos do audiovisual galego.
Así, Luís Zahera, Ledicia Sola, Xabier Deive, Daniel Currás, Camila Bossa, Mercedes Castro, Manuel Cortés, Carmela Martins e Paula Pier, entre outros, poñerán o acento galego a esta superproducción. Ademais, a maior parte dos personaxes episódicos -eses que aparecen nun único capítulo da serie- tamén serán galegos, segundo desvelaron os seus creadores.
GALICIA, PARTE FUNDAMENTAL DA HISTORIA
A serie, que ten a súa orixe na novela Todo es silencio de Manolo Rivas, transcorre na comarca galega de Oeste, un territorio ficticio situado no corazón das rías galegas. As impoñentes paisaxes, as xentes, os costumes, a gastronomía, o mar, o clima, as cores e a singular atmosfera de Galicia serán parte fundamental da historia.
"Necesitábamos un pazo grande para el rodaje y este es precioso", explicou Gabilondo, en referencia ao pazo da Toxeiriña. Converterase "con pequeñas modificaciones" na residencia que buscaban para Nemo Bandeira, un pazo que tivese un "look clásico y moderno" e que permitise "mucho movimiento" e que visualmente "desde un lado se viese el otro".
Ademais de Moraña, Vivir sin permiso rodarase en Vilagarcía -onde estarán situadas a conserveira familiar ou as casas dalgúns protagonistas-, Vilanova, A Illa de Arousa -onde converterán a casa consistorial nunha comisaría e na que gravarán "moitas escenas de praia", segundo os seus creadores-, Vigo, Nigrán, Ribeira ou Santiago de Compostela.
A serie aproveitará o "enorme potencial visual" que ten Galicia, permitindo aos espectadores "viajar a través de la televisión"
Entre todas estas localizacións, todas elas naturais e sen escenarios prefabricados, "completaremos un puzle con el que fabricaremos nuestro Oeste", dixo Aitor Gabilondo, unha comarca equivalente á ría de Arousa e que aproveitará o "enorme potencial visual" que ten Galicia, permitindo aos espectadores "viajar a través de la televisión".
Non será, aclararon os seus responsables, unha serie ambientada no narcotráfico. Nemo, segundo Gabilondo, é un empresario "con un pecado original en su pasado" que se converteu nun empresario moi poderoso "que da trabajo a todo el mundo" e que ten aos seus pés, a todos os poderes públicos e privados da comarca.
Trátase, explicou Arantxa Écija, dunha saga familiar "al estilo clásico" sobre a ambición e o ocaso dun home "muy poderoso", que busca ser unha serie "universal" nos seus conflitos pero cun marcado acento local polo seu carácter galego. "Es una gran saga al estilo clásico a partir de la que haremos una serie lo más identificable posible", engadiu.
Será, ademais, unha serie "muy valiente" á hora de tratar o alzhéimer, a enfermidade que sufrirá José Coronado na ficción, "uno de los grandes miedos que tiene la sociedad hoy en día", segundo o seu creador. A partir de aí, dixo, "los hijos se matarán por la herencia".
Vivir sin permiso é a primeira serie de Alea Media, a produtora creada por Aitor Gabilondo e participada por Mediaset España. A súa primeira tempada terá trece episodios. Para esta rodaxe, conta coa colaboración da produtora galega Ficción Producciones. O resultado poderemos velo, previsiblemente, ao longo do próximo ano 2018.
Relacionadas:
-
Telecinco estrea "Vivir sin permiso", a serie con José Coronado e Álex González gravada en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Vivir sin permiso, a "gran saga familiar" que Telecinco grava nas Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Amil, escenario de cinema para a rodaxe de 'Trote'
Por Redacción |
-
Dani de la Torre rodará en Pontevedra "1921. La ley del plomo", a súa nova película tras "El desconocido"
Por Alejandro Espiño |
-
"Vivir sin permiso", a serie de José Coronado e Álex González, busca figurantes. Queres ser un deles?
Por Alejandro Espiño |
-
Telecinco rodará nas Rías Baixas a serie "Vivir sin permiso" con José Coronado e Álex González
Por Alejandro Espiño |