Denuncian que un verquido de augas fecais contamina o río Loira dende hai semanas
Por Redacción
A voceira do BNG en Marín, Pilar Blanco, denuncia que un vertido de augas fecais contamina o río Loira dende hai varias semanas sen que o goberno local tome determinación algunha para a súa eliminación.
"Os veciños alertáronnos da existencia do vertido despois de observar a desidia do goberno local e ante a evidencia de que cada vez o caudal de augas fecais é maior", afirma a edil nacionalista.
A voceira do BNG puxo os feitos en coñecemento da Policía Local e do Servizo de Control de Vertidos da Xunta de Galicia e indica que "onte pola tarde puidemos comprobar que o vertido chega ao río dende a parte máis alta da estrada, pouco antes de chegar a ponte sobre o Loira, e todo indica que procede da rede de saneamento que discorre por debaixo da estrada".
"Pódese apreciar que hai semanas que o vertido existe, o cheiro apercíbese dende a estrada e o caudal das augas fecais é constante, polo que non entendemos porque non se teñen tomado xa medidas para remediar unha contaminación que vai parar directamente ao río e a praia e que cada vez é maior", engade.
Pilar Blanco recorda que "o goberno local ten a máxima responsabilidade neste tema e non é de recibo que se manteña un vertido despois de ter coñecemento da súa existencia, trátase dunha neglixencia en toda regra".