As Mulleres Faro da ciencia gañan protagonismo na terceira edición de Pontenciencia
Por Natalia Puga
A perspectiva de xénero vai formar parte fundamental da nova edición de Pontenciencia, a feira de proxectos de investigación organizada polo Concello de Pontevedra e o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo para achegar a ciencia e a innovación aos máis novos desde as escolas ao tempo que se promove o coñecemento científico e se vencella a universidade coa escola primaria.
Trátase dunha especie de feira da miniciencia que chega este ano á súa terceira edición e que inclúe unha exposición de Mulleres Faro, pioneiras, investigadoras e científicas como Maruja Mallo, Olimpia Valencia, Concepción Arenal, Francisco Herrera Garrido, Xosefa Iglesias Vilarelle ou Inmaculada Paz Andrade, entre outras moitas, das que se ensalzará a vida e traxectoria. Todas elas serán cartas dunha baralla coa que xogarán os participantes en Pontencencia cunha especie de xogo das familias.
A perspectiva de xénero tamén estará presente nos premios que se concedan aos gañadores desta edición, que levarán nomes de mulleres. Os premios serán tan só para os seleccionados polo xurado polos mellores proxectos, pero a concelleira de Educación, Carmen Fouces, asegurou que todos os participantes terán un recoñecemento e non se trata dunha iniciativa que promova a competitividade.
Os oito colexios e nove familias que participarán este ano en Pontenciencia levan meses traballando, pero a feira terá o seu momento central esta semana na facultade de Enxeñería Técnica Forestal de Pontevedra, onde exporán os seus traballos entre este venres 2 e este sábado 3.
Este ano, como novidade, ademais da perspectiva de xénero, participará un centro que nunca o fixera, o Príncipe Felipe, pois a iniciativa busca achegar a ciencia tamén aos centros de educación especial. Os escolares realizarán unha reportaxe da feira, farán de reporteiros por dous días.
Ademais, participará o Parque Nacional das Illas Atlánticas e haberá unha charla moi especial aberta ao público en xeral, a de Luis Sampedro, investigador da Misión Biolóxica do CSIC que este ano participou na campaña científica da Antártida.
Carmen Fouces e o vicerreitor da Universidade de Vigo en Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, presentaron a feira este mércores e este último destacou que a implicación dos profesores e investigadores do campus pontevedrés é cada vez maior, con 21 propostas presentadas este ano e representantes de todas as facultades no xurado.
Relacionadas:
-
Cinco científicas galegas de renome reivindicarán en Pontevedra un papel destacado da muller na ciencia
Por Redacción |
-
Pontenciencia ou como lograr a conclusión unánime "a ciencia mola"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Doce centros de ensino levarán ás súas investigacións ao campus en Pontenciencia 2018
Por Redacción |
-
Os científicos do mañá participan na feira final de Pontenciencia
Por Redacción |
-
Os científicos do mañá participan na feira final de Pontenciencia
Por Redacción |
-
Impulsan un mapa sensorial para coñecer Pontevedra cos cinco sentidos
Por Alejandro Espiño |
-
Os pequenos científicos amosan as súas habilidades na Feira da Miniciencia
Por Redacción |