O concurso de patrullas da Brilat volve romper os cronómetros: de Tui a Santiago en 20 horas

Por Natalia Puga
O concurso de patrullas Tui-Santiago que cada ano organiza a Brilat Galicia VII con motivo do seu aniversario -que se celebra o 7 de xuño- volveu a bater o seu propio récord, un ano máis. A falta do resultado final da proba, o Batallón do Cuartel Xeral da Brigada rompeu todos os cronómetros e percorreu os 120 quilómetros que separan a fronteira con Portugal da capital galega polo Camiño de Santiago en pouco máis de 20 horas.
O récord estaba difícil de superar, pois en 2016 a patrulla do Terzo Sur de Infanteria de Mariña da Armada completara a misión ás 5.39 horas da madrugada, menos de 22 horas despois de saír de Tui. Pero superouse e con ampla marxe de diferenza.
A patrulla do Batallón do Cuartel Xeral da Brigada chegou ao Obradoiro ás 4.45 horas da madrugada e saíra pouco despois das 8.30 horas do embarcadoiro de Tui, pois as patrullas parten cada dous minutos a partir das 8.00 horas e na súa casa fixérono de número 19.
Os cronómetros xa espabilaran de madrugada coa súa chegada ao Obradoiro e non pararon de traballar, rexistrando, ademais, como conclusión, o alto nivel de preparación dos militares da Brilat. Así, a segunda en completar a misión foi a do Batallón de Zapadores da Brigada pontevedresa, ás 5.55 horas, nun tempo nada desdeñable de menos de 22 horas.
De terceiros chegaron pouco despois, ás 6.16 horas os seis membros do Terzo Norte de Armada de Cádiz e prevese que vaian chegando patrullas ao longo de toda a xornada, ata un máximo de 14, pois este ano os organizadores atopáronse cunha situación sen precedentes nos 16 anos de historia da proba, das 21 patrullas que partiron de Tui á primeira hora deste xoves xa causaran baixa sete.
Das sete patrullas que abandonaron o concurso ningunha é da Brilat e deixárono por diversos motivos, entre eles por baixas de escordaduras, rozaduras, golpes de calor... Non se rexistraron incidentes de gravidade.
A clasificación final da proba non se saberá ata última hora deste xoves, pois as patrullas participantes teñen 34 horas e 40 minutos para completar o percorrido. Unha vez que cheguen todas, realizarase o cómputo de puntos alcanzado en cada unha das sete probas realizadas e determinarase quen gañou a edición 2017.
O colofón ao concurso chegará este venres cunha formación militar na praza do Obradoiro prevista para as 11.00 horas e, a continuación, quen así o desexe poderá asistir á misa do Peregrino na catedral.
Relacionadas:
-
Os artilleiros da Brilat gañan un concurso de patrullas Tui-Santiago moi rifado
Por Redacción |
-
Nova peregrinaxe de récord entre Tui e Santiago
Por Natalia Puga |
-
O concurso de patrullas da Brilat reunirá no Camiño de Santiago a 14 equipos militares
Por Natalia Puga |
-
Peregrinos de verde... militar
Por Natalia Puga |
-
As Forzas Armadas, máis próximas que nunca para celebrar o seu día
Por Diego Espiño |
-
O concurso Tui-Santiago da Brilat reunirá 21 patrullas de España e Portugal
Por Natalia Puga |
-
A Tui-Santiago segue batendo récords: 120 quilómetros e 7 probas en menos de 22 horas
Por Natalia Puga |