Potenciarán o Porto de Marín como destino de acollida de megaiates
Por Redacción
Impulsar Marín como porto de acollida de megaiates. Foi o obxectivo da xuntanza que mantivo este mércores a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, co conxunto de todas as autoridades portuarias galegas. Celebrouse na sede da Autoridade Portuaria de Marín. Todas elas coordinaranse para impulsar a chegada de iates de grandes dimensións ao litoral de Galicia.
Rosa Quintana reseñou o compromiso de todos os participantes coa oferta de plazas que permitan a chegada a Galicia dos chamados megaiates, embarcacións náuticas de máis de 24 metros de eslora e 12 pasaxeiros. Conscientes do potencial económico deste perfil de barco e visitante, Portos de Galicia e as Autoridades Portuarias traballarán conxuntamente no apoio á habilitación, por parte da iniciativa empresarial, de espazos portuarios específicos para o atraque de grandes iates.
No encontro ratificouse tamén a vontade de impulso á creación dun cluster da náutica recreativa de Galicia, que permita o establecemento de sinerxias entre todos os sectores relacionados co turismo marítimo. Neste sentido, a conselleira do Medio Rural e do Mar destacou o potencial económico do sector como motor de xeración de riqueza e emprego.
Así mesmo, as autoridades portuarias participantes e o presidente de Portos de Galicia presentaron os seus balances de xestión do ano 2012. Rosa Quintana destacou os resultados positivos obtidos e mostrou a satisfacción do seu departamento pola actividade desenvolvida. E finalmente, realizouse unha posta en común entre os diferentes plans de empresa das autoridades portuarias, a fin de establecer puntos de colaboración.