ENCE e sindicatos danse un prazo de dous meses para negociar o futuro laboral en Lourizán
Por Redacción
O Grupo ENCE e os comités de empresa de todos os seus centros de traballo en España ratificaron este mércores o acordo que onte á noite adiantaba PontevedraViva acerca do futuro laboral do equipo. Nunha acta subscrita a última hora da tarde a empresa acordou retirar o ERE que afectaba a 144 traballadores, 39 deles en Lourizán, e os sindicatos anunciaron que desconvoncarán os cinco días de folga convocados, o primeiro deles para este mesmo xoves.
O citado acordo implica que a partir do momento en que se pechou a mesa de negociación na sede da empresa en Madrid se abre un período de dous meses no que empresa e sindicatos negociarán un Plan de Competitividade Laboral que considere a mellora e flexibilidade de custos salariais, así como a redución de postos de traballo excedentes, segundo informou o Grupo Ence nun comunicado.
O presidente do comité de empresa da factoría de Lourizán, Suso Graña, confirmou o acordo a PontevedraViva, se ben incidiu en que as negociacións foron tensas. "Ata o último momento estivo todo no aire", indicou.
De feito, sinala que esta tarde chegou a estar sobre a mesa a negociación dos servizos mínimos que se aplicarían durante a xornada de folga deste xoves. Non houbo entendemento sobre eses servizos mínimos, levantouse acta do desacordo e volveuse negociar. Foi nese momento cando finalmente acordaron abrir dous meses de novas negociacións, xa sen o ERE ameazando sobre a plantilla.
A folga desconvocararse formalmente este xoves e o luns celebrarase unha asemblea en Lourizán
Os sindicatos asinaron que non farán folga, pero os prazos viñéronselle enriba e aínda non lles deu tempo a desconvocala oficialmente. Segundo o presidente do comité, a primeira xornada de folga convocada para este xoves comezaba ás 14.00 horas, así que teñen tempo para comunicarllo ao equipo ao longo da mañá. Farano a través dunha nota informativa e o próximo luns 25 de marzo celebrarán unha asemblea cos traballadores na que darán conta de como foron as negociacións. En todo caso, segundo confirmaron traballadores de Lourizán a PontevedraViva, a primeira hora deste mércores, xa terían recibido un comunicación interna na que o comité de empresa informaba de que a folga estaba desconvocada e o ERE retirado.
Segundo Graña, durante eses dous meses ambas as dúas partes "teríamos que acordar cales serían os postos a prescindir", se ben xa se vaticina que esa negociación non será doada, pois "nós entendemos que non se pode prescindir de ningún posto e eles dos 39 que dicían no ERE". "Se chegamos a un acordo de que houbera algún posto que se poida eliminar, xa habería que negociar as condicións", engade.
Para facer máis operativas as negociacións, a partir de agora non se celebrarán reunións conxuntas de todos os centros de traballo en Madrid, senón que cada un negociará de forma independente. No caso da factoría pontevedresa a próxima reunión será o día 2 de abril. En caso de que nos sucesivos encontros que se celebren non se alcance un acordo, as dúas partes están facultadas para tomar as decisións oportunas, que por parte da empresa podería ser volver presentar un ERE e por parte dos traballadores unha nova convocatoria de folga.
O acordo deberá incorporar unha forte moderación salarial durante os próximos anos e un aumento da xornada anual, segundo a empresa
Segundo comunicou o Grupo Ence, ademais da reestruturación do equipo, empresa e traballadores centraranse en avanzar na flexibilidade dos custos salariais a través da súa vinculación á produtividade e os resultados
O acordo marco deberá incorporar unha forte moderación salarial durante os próximos anos, así como un aumento da xornada anual, en liña co convenio do sector como medidas clave para gañar competitividade e eficiencia. A redución dos salarios do persoal de novo ingreso, a clasificación profesional e a previsión social serán tamén materias que considerarán as próximas negociacións.
O Grupo indica que "se viu forzado a poñer en marcha con urxencia duras medidas para evitar a perda de mercado e garantir o futuro da empresa" e que "finalmente a disposición ao diálogo e a vontade de entendemento por ambas as dúas partes fixeron posible sentar as bases para que Ence poida superar o impacto das devanditas medidas, manter o maior nivel de emprego posible, así como garantir a súa sostibilidade e rendibilidade".
* Nota aclaratoria: A fotografía de arquivo que acompañaba a noticia do 19.03.2013 sobre a retirada do ERE en ENCE aparece asinada por Antonio Ligero, membro do comité de empresa, porque foi quen proporcionou a PontevedraViva esta e outras imaxes relacionadas coas protestas dos traballadores dentro da factoría. Dende esta redacción, queremos aclarar que, en ningún caso, Antonio Ligero garda relación coas diversas fontes que foron consultadas por este medio para obter esta primicia informativa.