Vítimas dunha denuncia falsa e, agora, foco de pintadas como "violadores"
Por Natalia Puga
As veciñas de Monte Porreiro María Antonia Portela e Raquel Diaz recibiron un novo desgusto. Tras darse a coñecer que diversos xulgados arquivaron as causas abertas contra os seus fillos de 20, 22 e 16 anos por agresión sexual, ameazas e violación de morada a unha menor de Marcón, confiaban en que o "calvario" que viviron desde o pasado mes de setembro se terminara.
Con todo, nos últimos días apareceron polo menos sete pintadas distintas no barrio contra os seus fillos que lles lembraron os peores momentos de todo o ocorrido.
Tras a denuncia dunha menor contra os seus fillos e a detención de dous deles por violación -o terceiro é menor e non chegou a ser arrestado-, en Monte Porreiro apareceran pintadas dirixidas a eles e chamándolles "violadores", pero xa estaban borradas. Ademais, desde que se soubo o arquivo da denuncia por violación, finalizara o acoso e os insultos cara aos mozos.
As pintadas apareceron nos últimos días na zona do Miradoiro de Monte Porreiro, a maioría nunha varanda metálica da parte máis alta do Miradoiro e outras nun peche de madeira que rodea todo o recinto, unha zona moi concorrida do barrio na que se concentran, sobre todo, mozos. Nalgunha desas pintadas aparece o nome dos tres mozos finalmente exculpados da violación e noutras non, pero claras referencias a eles como "violadores" e mesmo ameazas como "os vamos a matar" ou "vais a morir torturados".
Antonia e Raquel denunciaron no xulgado de garda á moza e á súa nai por denuncia falsa e agora teñen o caso en mans dun avogado. Tras aparecer as pintadas, incluiranas como probas do "calvario" que teñen que vivir e de como afectou á vida dos seus fillos e ao seu día a día todo o ocorrido. Ademais, teñen pesando borralas "por los niños, por si pasan por aquí, para que no lo miren", pois resulta desagradable que sigan a acusalos un delito do que os exculparon.
O ocorrido desanimoulles e Antonia xa pensa que "o nos tenemos que mudar o esto no va a acabar nunca". "No sé qué pasa con la justicia", lamenta e quéixase de que elas seguen loitando e "no nos dan ni respuestas" e "esta señora sigue haciendo daño". "¿Por qué siguen haciendo esto?", pregúntanse.
Relacionadas:
-
Condenada a 12 meses nun centro de día por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
Unha nai e unha filla, xulgadas por unha denuncia falsa de violación contra tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Levan ao xulgado unha denuncia falsa por violación: "Quero que sexan castigadas. Xustiza"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Estudan accións legais contra a menor que denunciou por violación a tres mozos de Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- O xulgado exculpa tres mozos de Monte Porreiro acusados en falso de violar unha menor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |