Lérez, punto de partida da campaña de roza nas vías do rural
Por Alejandro Espiño
A campaña de roza que está a realizar o Concello de Pontevedra nas vías do rural comezou pola parroquia de Lérez e irá estendéndose polo resto ata o comezo do verán.
O goberno municipal decidiu adiantar a primeiros de xuño os traballos habituais de limpeza e roza nas vías públicas municipais do rural para manter en boas condicións de uso e de seguranza estes espazos, logo das chuvias do inverno que fixeron crecer moito a herba nas beiravías ao sumárselle o calor da primavera.
Os traballos seguirán, informan desde o Concello, unha orde lóxica de proximidade para tratar de rendibilizar ao máximo os equipos de traballan nestas tarefas.
Logo de Lérez continuarán por Alba, Campañó, Cerponzóns, Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Bora, Marcón, Mourente, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e Canicouva.
Os traballos están a ser realizados por una cuadrilla con dous tractores dotados de brazo de roza e dous operarios, aos que se sumarán unha segunda cuadrilla que tamén irá realizando a limpeza tanto nas vías principais como nas secundarias de todas as parroquias.
Esta é a principal campaña de roza que realiza o Concello durante o ano e que se complementa con outros labores que realizan cada pouco en espazos do rural de gran concorrencia pública, como poden ser os núcleos de centralidade parroquial.