Os eucaliptos 'toman' A Ferrería para denunciar a "catastrófica" situación do monte galego
Por Alejandro Espiño
Cunha plantación simbólica de eucaliptos, varias asociacións ecoloxistas levaron ata a emblemática praza da Ferrería a súa campaña para denunciar a eucaliptización do monte galego. Fixérono convertendo este espazo urbano nun improvisado bosque de eucaliptos que chamou a atención dos pontevedreses sobre esta problemática.
"Queríamos que á xente lle impactara ver o eucalipto onde non debería estar para que entendan que hai moitos sitios onde non debe estar, como pasa nos nosos montes", explicou Fins Eirexas, secretario xeral de ADEGA, colectivo que impulsou este acto reivindicativo xunto a APDR, a Federación Ecoloxista Galega e Cousa de Raices.
Esta eucaliptización, explicou Eirexas, é un proceso "masivo" que se deu nos montes galegos, onde o eucalipto ocupa xa medio millón de hectáreas, aínda que espera que poida ser "reversible" se a administración autonómica entende que esta especie "é todo menos unha oportunidade" para o medio rural de Galicia.
ADEGA entende que para o eucalipto "non hai freo, todo vale", xa que invade "sen ningún tipo de cortapisas" hábitats naturais de "altísimo interese", ocupa xacementos arqueolóxicos e dana "profundamente" as oportunidades económicas para o desenvolvemento do rural porque "onde entra non cabe máis que o eucalipto".
"A ameaza é moi grave", engadiu o secretario xeral deste colectivo, que advertiu que, se a Xunta non toma medidas respecto diso, no prazo de "dez ou quince anos" espazos como O Courel ou os Ancares "todo iso que temos en mente como o corazón do monte autóctono galego" estarán "eucaliptizado ata arriba".
Estas asociacións ecoloxistas esperan que a cidadanía sexa "cada vez máis sensible" sobre esta "catástrofe natural" e presione ás administracións.
Para elas, o eucalipto "ten un padriño que se chama PP", ao deixar que a política forestal da Xunta fora "deseñada" pola empresa Ence, a cambio de "non xa de portas xiratorias senón arcos de triunfo por onde entran e saen ministras e conselleiros".
"Iso ten que mudar porque senón acabaremos sendo turistas no noso propio país", asegurou Fins Eirexas, que denunciou que "onde entra o eucalipto e o negocio de Ence non hai marxe para facer outra cousa".
Relacionadas:
-
Ence restaurará case 700 hectáreas de plantacións de eucalipto degradadas
Por Oskar Viéitez |
-
O incendio de Portugal, di o BNG, debe ser unha "lección" para cambiar a política forestal galega
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Antón Masa, un biólogo marcado polas revoltas estudantís do 67
Por Marisa Ciordia |
-
Un estudo elaborado no Lérez conclúe que os eucaliptos aumentan o risco de que os ríos sequen no verán
Por Redacción |
-
Elnosa, a primeira "peza do puzle" que a marcha contra ENCE busca sacar do complexo de Lourizán
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
A Ferrería converterase nun gran bosque de eucaliptos
Por Oskar Viéitez |
-
O Grove xa é municipio libre de eucaliptos
Por Redacción |
-
60 colectivos esixen "eucalipto cero, como en Europa"
Por Oskar Viéitez |