A Mesa defende os sinais de tráfico de Pontevedra e Galicia Bilingüe critica a "imposición" do galego
Por Redacción
A decisión do Concello de Pontevedra de manter os seus sinais de tráfico só en galego, malia que unha sentenza retirou unha multa a un cidadán por non estar tamén en castelán, segue xerando numerosas reaccións. As últimas, as da Mesa pola Normalización Lingüística e Galicia Bilingüe quen, evidentemente, non se puxeron de acordo na súa valoración.
A Mesa reclama que se cumpra a lexislación vigente e que todos os organismos públicos deixen de excluír o galego nas sinalizacións. A entidade cidadá destaca que esta recente sentenza "que non establece xurisprudencia" non modifica "en absoluto" as leis actuais, que apuntan que "o idioma propio tamén debe estar presente nas sinalizacións de competencia estatal e utilizarse con normalidade nas sinalizacións de ámbito local ou autonómico".
O presidente da Mesa, Carlos Callón, considera que entra dentro "da ofensiva actual contra o noso idioma" que se queira presentar de novo o castelán "como un idioma discriminado na presenza pública, cando a verdade é que se hai unha lingua notoriamente discriminada é a propia do país".
A Mesa pregúntase "até cando a lingua propia de Galiza vai ser tratada como se fose estranxeira na propia patria" e reclama que se tomen todas as medidas para deter esta discriminación". E respecto da sentenza de Pontevedra, a entidade considera "incongruente" que se pretenda aplicar unha lexislación sobre sinalizacións estatais a normas de ámbito municipal "xa que aí hai outro marco normativo diferente".
Pero o colectivo Galicia Bilingüe fai unha valoración completamente diferente sobre esta sentenza. Nun comunicado, asegura que "só quen utilizan as linguas por motivos políticos ou porque a imposición dunha lingua repórtalles beneficios económicos, poden opoñerse a algo tan lóxico e democrático como a utilización de ambas linguas de Galicia por parte dos poderes públicos".
Afirman que o respecto á cooficialidade das linguas "debería ser asumido polos poderes públicos", xa que indican que independientemente da maior ou menor dificultade na comprensión dos textos, "trátase dunha cuestión de principios". Sinala ademais que a nivel internacional, "é práctica común a todos os territorios con máis dunha lingua oficial, o respectar os dereitos das súas comunidades lingüísticas".
A este respecto, Galicia Bilingüe denuncia que na práctica totalidade dos concellos e dos organismos dependentes da Xunta de Galicia, a información, a sinaléctica e as comunicacións cos cidadáns, "están só en galego co que non se respecta a doutrina do Tribunal Constitucional". E recorda que ten abertos neste momento varios procesos xudiciais para lograr o bilingüismo nas administracións de Galicia.
Relacionadas:
-
Rexeitan o recurso dun condutor multado que alegou non entender un sinal escrito en galego
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pregunta ao alcalde por unha posible insubmisión veciñal tras a sentenza do sinal en galego
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra manterá os sinais de tráfico en galego e denuncia un "ataque ideolóxico" ao idioma
Por Alejandro Espiño |