Cuntis renovará toda a iluminación pública do rural
Por Redacción
O Concello de Cuntis deu luz verde a un ambicioso proxecto co que renovará toda a iluminación pública do rural, apostando por unha maior eficiencia enerxética. A actuación, que foi apoiada de forma unánime por todos os partidos da corporación conta cun orzamento inicial de 603.000 euros.
As obras financiaranse grazas a un crédito con cargo ao fondo nacional de eficiencia enerxética do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), a devolver en dez anos e sen xuros, segundo explicou o goberno municipal.
O proxecto pretende renovar os 1.310 puntos de luz que existen nas parroquias do rural, instalacións que, na maioría dos casos, teñen máis de 25 anos.
O investimento centrarase na substitución de todos os elementos de iluminación pública e a súa adaptación á regulación deste instituto gobernamental, dependente do Ministerio de Enerxía e Turismo.
Con esta actuación, Cuntis pretende obter un aforro enerxético do 70,29%, reducindo a factura nuns 39.314 euros anuais. Ademais, prevese aforrar outros 27.500 euros ao ano en materia de mantemento, polo que o Concello deixará de gastar case 67.000 euros anuais.
As obras, que terán tamén un beneficio ambiental ao diminuír de forma notable o CO2 que se envía á atmosfera, teñen un prazo de execución dun ano e, sumadas aos traballos complementarios que haberá que realizar ao instalar a nova iluminación, o investimento total alcanzará o millón de euros.
En concreto, o proxecto prevé renovar os postes de iluminación que presentan danos estruturais, substituír os tramos de condutor eléctrico en mal estado, cambiar os brazos de suxeición das luminarias, reformar os cadros de mando, substituír o sistema de aceso de fotocélula a reloxo astronómico e cambiar as luminarias actuais por novas luminarias viarias de tecnoloxía LED.
O goberno local considera esta actuación como unha aposta de futuro e sobre todo unha aposta polo rural de Cuntis, aspectos que consideran fundamentais para mellorar a calidade de vida dos veciños destas parroquias.