Ángel Carracedo falará en Pontevedra sobre o compoñente xenético na saúde e na enfermidade
Por Redacción
O doutor Ángel Carracedo estará este venres, ás 20 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para ofrecer unha conferencia baixo o título 'Xenes e Ambiente: a compoñente xenética na saúde e na enfermidade".
Por suposto que non todo está escrito nos xenes, afortunadamente. Pero a xenética ofrece unha valiosísima información para entender as cousas mellor, por exemplo unha enfermidade e neste sentido Carracedo é unha autoridade de primeiro nivel.
O seu curriculum impresiona: Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago, director do Centro Nacional de Xenotipado (nódulo USC) e membro do CIBER de enfermidades raras (CIBERER), Ángel Carracedo é tamén autor de numerosos libros e artigos publicados en revistas especializadas en ciencia e medicina e é membro do board de sociedades nacionais e internacionais de xenética e cancro, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da Academia Mediterránea de Ciencias Forenses.