Así será o local social dos Campos
Por Oskar Viéitez
O concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberte Oubiña, presentou o proxecto do novo centro social que o goberno local quere construir nos Campos.
En rolda de prensa explicou, en compañía do arquitecto autor da rehabilitación Mauro Lomba e do arquitecto xefe municipal, Ángel Velando, que o proxecto atendeu todos os apuntamentos que foron achegando os veciños do barrio. Supón a rehabilitación do vello edificio do colexio dos Campos, unha estrutura que se topa en bo estado e que pode rehabilitarse como espazo de encontro e lecer.
Son dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula. Estará separada por portas abatibles e un corredor polo medio que servirá a modo de conexión entre ambos lados do edificio. No caso de ser preciso retíranse as portas e créase unha gran aula cunha cabida para unas 80 persoas sentadas ou 120 de pé, ou ben dúas aulas independentes.
En todo caso, está pensada para facer distintas actividades como cociña, conferencias ou exposicións entre outors moitos usos.
Tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén e se fará un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con este, cun corredor acristalado.
Finalmente, o edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre.
O inmoble ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e a súa rehabilitación levará aparellada unha actuación na contorna.
Aínda que o orzamento está por pechar, estímase que a actuación na reordenación exterior da parcela pode roldar os 100.000 euros e a rehabilitación do edificio uns 240.000 euros.
Aínda que o proxecto non entrou en contratación, o concelleiro agarda poder iniciar as obras cara finais de ano ou primeiros de 2018.