Equipos de frío e ventiladores contra a calor no Hospital Provincial
Por Redacción
Cada ano a escena repítese. Chega o verán e o calor no interior do Hospital Provincial é abafante. Para tratar de combater esta situación, o Sergas ultima unha serie de medidas paliativas. Serán iniciativas alternativas xa que a que pode solucionar o problema, a dotación dun sistema de aire acondicionado e climatización, é imposible pola estrutura do centro.
Así, o Sergas prevé dotar proximamente a todas ás áreas de hospitalización e ás zonas de hospital de día do Hospital Provincial de equipos autónomos de frío, co obxectivo de paliar os efectos da calor durante os vindeiros meses de verán.
En concreto, o plan de mellora actual pasa pola adquisición de equipos autónomos de frío que se instalarán nos lugares máis sensibles, de maneira que se dará cobertura a todas as zonas de hospitalización e de hospital de día, dando a maior prioridade a aquelas áreas nas que os pacientes se ven obrigados a permanecer durante un período de tempo máis prolongado.
Agás nas unidades de Paliativos e Neonatoloxía, onde se ten en conta a delicada saúde do tipo de pacientes ingresados nas mesmas, se contempla a abordaxe da totalidade de unidades de hospitalización do Hospital Provincial.
A maiores, tamén está previsto dotar ao hospital de día médico cun destes equipos, posto que aínda que nel non se rexistran ingresos, os pacientes poden permanecer en tratamento durante un período prolongado de tempo. As unidades Reanimación-Uci, Diálise e o Hospital de Día Oncolóxico están provistas dun sistema de climatización propio.
Dotando a cada planta de hospitalización dun equipo móbil de arrefriamento, xunto cos ventiladores xa adquiridos con anterioridade, o Sergas prevé lograr e xerar o movemento do aire frío por toda a estancia, dado que estes aparatos teñen potencia suficiente como para refrixerar unha sala de arredor de 80 metros cadrados.
Así mesmo, para rebaixar as altas temperaturas tamén se fará uso dos máis de 150 ventiladores adquiridos o ano pasado e que foron repartidos entre o centro hospitalario e diversos centros de saúde da área sanitaria.
A estrutura da edificación, o seu tamaño, a altura dos teitos, os ocos a empregar e o tempo de execución, son os principais elementos que levan a desbotar a posibilidade de instalación de climatización, dada a gran dificultade técnica que implicaría. De aí que se aposten por medidas alternativas para dar solución a este problema crónico do Hospital Provincial.
Estas medidas súmanse ás implantadas en anos anteriores como a dotación de ventiladores de aspas e de torre ou a colocación de estores con láminas antitérmicas naquelas ventás nas que os raios do sol tiñan unha maior incidencia, ao igual que no centro de saúde de Virxe Peregrina, onde se levou a cabo a cobertura da cristaleira da fachada principal da primeira e segunda planta con este mesmo método e a instalación de ventiladores de teito.
Relacionadas:
-
Queixas dos usuarios do Hospital Provincial ante temperaturas nas habitacións superiores a 35 graos
Por Anxo Lourido |
-
O Sergas instala equipos autónomos de frío para combater a calor no Provincial
Por Redacción |
-
Críticas ao Sergas por pechar en verán unhas oitenta camas en Montecelo e o Provincial
Por Alejandro Espiño |