Froiz perderá arredor de medio millón de euros diarios coa folga da alimentación
Por Anxo Lourido
Preto de 14 horas de reunión durante dous días foron insuficientes para evitar a folga no sector da alimentación que comezará o luns 25 e continuará ao longo da Semana Santa. Vai afectar aos centros que están acollidos ao convenio colectivo do sector de alimentación e, polo tanto, os traballadores de empresas como Froiz, Gadis, Hiperxel, Lidl ou Moldes, ademais dos que pertencen a pequenas tendas están chamados a esta convocatoria.
Unha das empresas galegas máis afectadas será Froiz que conta co seu centro de operacións en Lourido no concello de Poio. Os representantes sindicais calculan que as perdas que sufrirá esta empresa durante o paro alcanzarían os 500 mil euros diarios porque se paralizaría a distribucción de mercadoría a numerosos supermercados non só galegos, senón tamén doutras comunidades autonómas. Unha cantidade que, loxicamente, preocupa á empresa pontevedresa que na tarde de onte, xunto aos outros grandes grupos, estaba a avanzar en buscar unha solución ao conflito que evitara o paro. Non obstante, a última hora foron as pequenas empresas do sector que forman parte da patronal as que se botaron atrás e retomaban practicamente a postura inicial.
O mediador no conflito, o xefe provincial da Inspección de Traballo, José María Casas de Ron, rematou a reunión indicándolle á patronal que se querían realizar un último encontro de negociación, el tería o seu teléfono operativo durante todo o fin de semana. Agora queda por saber se os grandes grupos empresariais intentarán establecer un acordo cos representantes dos pequenos establecementos para intentar, a última hora, alcanzar un acordo que evite unha folga que sería moi prexudicial para as grandes cadeas galegas porque os seus principais competidores, Carrefour, Mercadona e Eroski, contan con convenio propio e non se verán afectados polo paro previsto para o 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo, todos os días laborables da Semana Santa.
Relacionadas:
-
Piquete nocturno para abrir cinco días de folga: "Non ves que estamos a defender os dereitos dos teus fillos?"
Por Natalia Puga |
-
Nova chamada da patronal para buscar un acordo de última hora que evite a folga da alimentación
Por Anxo Lourido |
-
Rómpese a mediación e en Semana Santa haberá folga no sector da alimentación
Por Anxo Lourido |
-
Patronal e sindicatos séntanse a negociar o convenio do Comercio
Por Oskar Viéitez |