Marcos Conde, reelexido secretario comarcal da CIG

Por Anxo Lourido
Sen sorpresas discurriu a sétima asemblea comarcal da CIG durante este sábado 10 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Marcos Conde saiu reelexido como secretario comarcal do sindicato nacionalista e ocupará este cargo durante catro anos máis co obxectivo de manterse como a central con máis delegados na comarca de Pontevedra.
Conde obtivo 121 votos dos 128 emitidos entre os afiliados que asistiron a esta cita. Houbo un voto en branco e 6 nulos. Tamén resultaron escollidas as dúas candidaturas que encabezaba para o consello confederal e a executiva comarcal.
O secretario comarcal da CIG manifestou a súa "preocupación" polos anos que veñen onde agarda "problemas moi duros" para a clase traballadora ante os recortes de dereitos e salarios. Por iso reclamou aos afiliados desenvolver a loita nas rúas malia que teñan que recibir algún "zasca", apuntou Marcos Conde no seu discurso.
O acto rematou con vítores á clase obreira galega e a interpretación do himno galego.
Sétima Asemblea comarcal da CIG
© PontevedraViva