O PP reta a PSdeG-PSOE e BNG: "O que deberían facer para ser cribles é pechar ENCE sen máis"
Por Redacción
O Partido Popular reitera a súa postura "clara, transparente e coñecida" de que Ence debe saír da Ría de Pontevedra no ano 2018. Foi a resposta dos populares durante o debate dunha proposición non de lei, presentada polo PSdeG-PSOE na comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego, coa que se pretendía que a Xunta emitira un informe negativo sobre a continuidade da empresa na súa actual localización.
O portavoz do PP nesa comisión, Román Rodríguez, explicou que neste momento "debemos levar a cabo as accións que posibiliten compatibilizar a actividade produtiva deste complexo coa calidade ambiental da ría, coa finalidade de proceder no horizonte de 2018 á súa reubicación dentro da comarca de Pontevedra".
Román Rodríguez acusou aos deputados do PSOE e do BNG de "desenvolver unha política de cara á galería e contraditoria, xa que están solicitando que se anule unha avaliación ambiental integral aprobada polo anterior Goberno bipartito cando era conselleiro o actual secretario xeral dos socialistas galegos".
"Se tanto lles molesta ENCE, se cren que debe pecharse antes de 2018 sen ofertar ningunha alternativa e se creen que non se debe respectar a lexislación vixente, o que deberían facer para ser cribles é pechar a fábrica sen máis", sinalou Román Rodríguez en referencia á postura adoptada polos deputados socialistas e nacionalistas.
"Mais claro e meridiano non se pode ser", dixo Patricia Vilán sobre esta intención de la Xunta de manter a factoría na ría
Foi despois de que a portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, acusara ao PP de "dicir en Galicia que queren a factoría de Ence fora da ría de Pontevedra mentres calan en Madrid" para prorrogar a súa concesión 75 anos a través da modificación da Lei de Costas. "Mais claro e meridiano non se pode ser", dixo a deputada sobre esta intención de manter a factoría na ría.
Vilán esixiulle a Núñez Feijóo que evite ampararse na modificación da Lei de Costas para incumprir o acordo unánime do Parlamento de atopar unha nova ubicación "respectuosa co medio ambiente, fóra da ría de Pontevedra, antes do ano 2018". E fixo ademais un chamamento a "impedir calquera tipo de instalación complementaria que permita a súa consolidación".
A deputada socialista afirmou que a empresa ven vertendo "todo tipo de elementos contaminantes" á ría de Pontevedra, mesmo sendo condenada pola Audiencia Provincial de Pontevedra en 2002 por delito ecolóxico continuado. Estes vertidos, dixo, "están depositado hoxe nos fondos mariños da ría e nos bancos achegados á factoría, malia que os vertidos son emitidos directamente á ría a través dun colector submarino dende 2003".