Pontevedra podería ter PXOM con "vontade política" do Concello, segundo a Xunta
Por Redacción
A responsable de Urbanismo no goberno galego teno claro. "Con vontade política por parte do Concello, pódese sacar adiante un novo PXOM en tres anos", sinalou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, tras participar na xuntanza da Xunta Local do PP de Pontevedra, celebrada este luns.
Encarnación Rivas aproveitou a súa visita a Pontevedra para explicar detalladamente a nova Lei do Solo de Galicia, aprobada o pasado ano 2016, aos membros da formación que preside Jacobo Moreira.
"A nova normativa permite axilizar os trámites necesarios para aprobar un novo plan urbanístico, ademais coa súa simplificación redúcese o prazo medio de seis a tres anos", aclarou a secretaria xeral.
Así mesmo, Encarnación Rivas destacou que a nova Lei do Solo de Galicia ofrece unha maior seguridade xurídica a numerosas vivendas e se aposta polo rural como lugar produtivo, permitindo que a rehabilitación das casas poidan aumentar a súa superficie ata nun 50% en vez do 10% que marcaba a normativa anterior.
Nos mesmos termos pronunciouse o portavoz do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, que lembrou que "insistimos dende hai moito tempo en que Pontevedra debería estar preparada para cando se aprobase a nova Lei do Solo de Galicia, pois deste xeito poderíamos ser un dos primeiros concellos en aprobar un novo PXOM adaptado á nova normativa".
Moreira reiterou que Pontevedra necesita un novo PXOM que permita "non só ofrecer solo industrial para que as empresas que o desexen poidan instalarse no noso termo municipal, senón tamén para que moitos veciños poidan facer uso dos terreos herdados para poder construír as súas casas".
"Se se quere un novo PXOM se pode sacar adiante, tan só é necesario querer aprobalo", sentenciou o presidente local do PP de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Preocupación no rural pontevedrés por inspeccións urbanísticas de oficio por parte da Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas apostan por unha nova Lei do Solo e máis apoio aos PXOM dos concellos
Por Redacción |
-
O PXOM, do novo nunha canella sen saída
Por Alejandro Espiño |
-
Os catro grupos da oposición pactan unha proposta para reactivar o PXOM e o BNG plántaos
Por Natalia Puga |