As festas de Ponte Caldelas, unha medicina contra o aburrimento
Por Redacción
O programa de festas de Ponte Caldelas chega este ano en forma dunha caixa de Dinamical forte, unha medicina contra o aburrimento. Incluirá máis de 80 "comprimidos" en forma de actividades que comezan este mes de xuño e chegan ata o mes de outubro.
O goberno local de Ponte Caldelas e a asociación de comerciantes da vila colaboran para poñer na rúa un programa que chega cun formato fresco e renovado e que aposta pola promoción comercial.
A distribución do programa, do que se imprimiron 15.000 exemplares para acadar unha ampla difusión, xa comezou e produciu un fondo impacto, como confirmaron os representantes comerciais, que están recibindo moitos comentarios dos seus asociados e clientes.
O formato fármaco acentúase coa inclusión dun prospecto no que se detallan as características deste singular medicamento, que carece de contraindicacións e está especialmente recomendado "para cando non se sabe que facer". Tan só se advirte, como medida precautoria, que a "caldelina" pode producir adicción e desexos imperiosos de empadroarse.
O programa de verán de Ponte Caldelas comeza co recente homenaxe ao taberneiro Pereira, celebrado o pasado día 3, así como outros actos celebrados durante esta semana. Concede un destacado especial ao Entroido de Verán que se celebra este próximo sábado, día 17.
O seguinte apartado céntrase na segunda edición da Festa Gastronómica do Emigrante, que chegará na fin de semana do 7 ao 9 de xullo. O eixe principal chega coas Festas das Dores, entre o 25 e o 29 de agosto, que terán como puntos culminantes o concerto de música electrolatina Caldelas Xove e a actuación, o domingo, do Combo Dominicano.
Haberá unha aposta clara pola cultura, especialmente polo teatro ao que dedica preto dunha ducia de eventos en diferentes formatos para todos os públicos, coa representación da obra O Furancho, a cargo da compañía Ibuprofeno Teatro como estandarte. O deporte será tamén elemento esencial coa segunda edición da subida a Ponte Caldelas, encadrada no campionato galego de Rally de Montaña.
Destaca, ademais, a organización dunha actividade de prevención de afogamentos, que se ofrecerá na praia fluvial de A Calzada ao comezo da temporada de baño, así como a cada vez máis consolidada programación de andainas polos roteiros do municipio e de excursións de lecer para as fins de semana.
A gastronomía, como sempre é peza fundamental, e vólvese organizar o concurso Caldelas Tapas durante as noites de venres de xullo despois do éxito das dúas primeiras edicións. Neste mesmo eido, ademais da II Festa do Emigrante, chega unha xornada de convivencia veciñal cunha comida popular na Alameda baixo o nome de XantaCaldelas.
O punto final está na inclusión da totalidade das festividades relixiosas e romarías do municipio, que teñen un apartado propio neste programa de man despois dun intenso esforzo de recompilación, realizado parroquia por parroquia.
Andrés Díaz subliñou que, con independencia do formato, o máis importante do programa de festas de Ponte Caldelas é a amplitude. "Creo que ofertamos un conxunto de actividades que están á altura do que fan cidades de moito maior tamaño", sinalou. Engadiu que "vistas en conxunto, forman un paquete de lecer e cultura do que podemos estar moi orgullosos".
Relacionadas:
-
Dezaseis locais de hostalería participarán nunha nova edición de Caldelas Tapas
Por Redacción |
-
Caloroso entroido en Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Os cociñeiros de Caldelas Tapas asisten a unha master class con Miguel González
Por Redacción |
-
Expectación en Ponte Caldelas ante o seu primeiro desfile de entroido en xuño
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas renova a súa devoción pola troita
Por Redacción & Diego Torrado |