O parque forestal da Fracha impulsará plantar 11.000 árbores e eliminar 160.000 acacias
Por Natalia Puga
O proxecto do novo parque forestal periurbano da Fracha, que abarcará terreos das parroquias de Marcón, Tomeza e A Canicouva, terá unha superficie total de 407 hectáreas e supoñerá a plantación de ao redor de 11.000 árbores e a eliminación de 160.000 acacias.
O concelleiro de Montes, Demetrio Gómez, deu a coñecer os detalles este mércores tras participar na constitución da comisión de seguimento do parque, na que estiveron o redactor do proxecto recentemente entregado, Javier CenteNo, e representantes das comunidades de montes implicadas. Cabe lembrar que os comuneiros de Tomeza, A Canicouva e Marcón formalizaron hai escasas semanas a cesión ao Concello de Pontevedra de preto de 150 hectáreas de terreo comunal para facer realidade este parque.
O proxecto terá finalmente un orzamento total de 2,7 millóns de euros, dos que 604.000 serán de investimento real realizado para a posta en marcha do parque forestal e o resto dedicarase ao mantemento da área, cun investimento de 60.0000 euros anuais durante os 35 anos nos que será efectivo.
O parque é, para Demetrio Gómez, un exemplo da política forestal que deberían facer todas as administracións públicas e na que Pontevedra segue marcando o ritmo, como xa fixo hai unha década co proxecto Monte Vivo. A idea é colaborar cos comuneiros, isto é, os propietarios do monte, para a xestión dos terreos, para promover un uso lúdico e un aproveitamento forestal dos mesmos.
O proxecto inclúe a xeración de nova masa forestal, coa plantación de 6.500 árbores, fundamentalmente carballos, para aproveitamento e explotación forestal por parte dos comuneiros da Canicouva, Tomeza e Marcón, que quedarán valados para impedir a entrada do gando.
Outra pata do plan é a eliminación de especies invasoras e a súa substitución por outras autóctonas. En total, eliminaranse 160.000 acacias, unha especie invasora que hai que retirar unha a unha e cuxo traballo durará uns tres anos, e substituiranse por unhas 4.500 árbores de especies como castaños, ameneiros e fresnos.
O proxecto, cun prazo de execución de doce meses, terá esa vertente produtiva e outra máis lúdica que permitirá xerar un total de 26,6 quilómetros de sendas marcados por todo o parque, cinco sendas para camiñar e dúas para o seu percorrido en bicicleta, así como tres áreas de lecer e a plantación duns 500 novas árbores pensadas para que doten de sombra con rapidez os espazos xerados para o goce cidadán, entre eles, castiñeiros, carballos, bidueiros e catalbas.
O proxecto, pensado para xerar espazos naturais para o desenvolvemento de actividades de lecer e tempo libre compatibles con outros de aproveitamento forestal e produtivo do monte por parte dos comuneiros supón tamén un recurso para a loita contra os incendios forestais. O obxectivo é poder empezar o proceso de contratación canto antes e empezar a executalo antes de que termine este ano 2017.
Relacionadas:
-
O parque forestal da Fracha, máis preto de facerse realidade
Por Alejandro Espiño |
-
Unha ferramenta informática definirá a política forestal en todo o municipio
Por Alejandro Espiño |
-
O parque forestal da Fracha, máis preto
Por Alejandro Espiño |
-
Marcón aproba por unanimidade o proxecto do parque forestal da Fracha
Por Oskar Viéitez |
-
O Parque da Fracha ocupará 240 hectáreas co reto de ser exemplo de xestión forestal
Por Redacción |