O colexio de Ponte Sampaio intégrase con nenos e maiores da súa contorna
Por Redacción
O colexio de Ponte Sampaio busca integrarse coa sociedade que rodea ao propio centro e, para logralo, este mércores o alumnado realizou unha actividade de unión con nenos e maiores da parroquia e da veciña localidade de Arcade, en Soutomaior, intercambiando coñecementos e experiencias cos usuarios do centro de día Boas Apertas e da escola infantil Galiña Azul.
Un grupo de representantes do alumnado voluntario da biblioteca visitaron os dous centros durante a mañá deste mércores, primeiro a escola infantil e logo o centro de día. A actividade ten como obxectivo potenciar a integración do alumnado ca súa contorna e, ao mesmo tempo, fomentar a convivencia con maiores e pequenos na procura dun desenvolvemento pleno dos escolares.
No seu encontro cos nenos da Galiña Azul representaron a obra adaptada por eles dos tres porquiños e unha versión do conto Lolo anda en bicicleta de Carlos Casares que crearon con motivo do Día das Letras Galegas, pero co título Lolo anda en patinete.
No centro de día tamén representaron Lolo anda en patinete e, máis tarde, os maiores usuarios entregáronlles pequenos agasallos que, segundo o seu profesorado, lles fixeran persoalmente con moita ilusión.
A experiencia foi moi gratificante tanto para o alumnado como para os asistentes das dúas entidades, de tal maneira que xa quedou pactada outra visita de cara o vindeiro curso académico.