Os socialistas critican o "cinismo" do PP por aprobar a rexeneración da Carabuxeira "agora que Telmo Martín é alcalde"
Por Oskar Viéitez
A comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei do grupo socialista para pedirlle á Xunta que leve adiante, antes do remate de xuño, a recuperación da praia da Carabuxeira e o muro de contención das vivendas que dan á praia.
A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, criticou o "exercicio de cinismo" por parte do Partido Popular, que "logo de 18 anos de ter provocado o desastre medioambiental da construción do dique de abrigo do porto deportivo, que fixo desaparecer á praia, en só un mes pasaron de votar en contra a apoiar esta iniciativa".
Vilán sinalou que o único que cambiou neste período foi que o novo alcalde da localidade, Telmo Martín, presentou a rexeneración da praia como primeiro compromiso do seu goberno, conseguido "despois dunha moción de censura".
A responsable socialista lembra que o xerme desta situación foi a construción dunha ampliación do Porto, solicitada por Portos de Galicia, e que incluía 110 metros adicionais non previstos e que foron declarados ilegais. O resultado foi a drenaxe da praia, que quedou sen area poñendo en perigo as cimentacións do muro e das vivendas que lindan coa praia.
Por iso reclamoulle ao goberno galego que realice as obras necesarias para a recuperación e rexeneración da praia e o reforzo do muro, ademais de pedirlle ao goberno central que faga o mesmo dentro das súas competencias, coas medidas necesarias para evitar o deterioro desta área.