Vanessa Rodríguez acusa a Telmo Martín de "beneficiar a Comisións Obreiras" polo seu labor de "desgaste e oposición" ao tripartito
Por Redacción
Aceptar a negociación dun único convenio colectivo para Concello, organismo autónomo e empresas municipais é, a xuízo de Vanessa Rodríguez Búa, edil de Persoal ata o pasado 29 de maio, "o prezo que Telmo Martín paga a Comisións Obreiras polo seu labor de desgaste e oposición ao anterior grupo de Goberno".
Vanessa Rodríguez Búa considera "irrespetuoso" para o resto dos representantes sindicais dos traballadores que o alcalde de Sanxenxo recibise a José Luis García Pedrosa, portavoz de CCOO, deixando á marxe deste encontro ao resto de sindicatos e traballadores do Concello. "E sen ningunha reunión previa con eles, anunciou a súa intención de encartarse ás peticións de CCOO, unha formación que durante os dous últimos anos estivo máis preocupada de seguir as ordes do PP que de defender os dereitos e o benestar dos traballadores do Concello", reprocha a concelleira.
Considera a anterior responsable de Persoal que este novo marco negociador establecido "unilateralmente" por Telmo Martín e García Pedrosa "beneficia claramente a CCOO", que ao agrupar os dous comités de empresa consegue unha maior representatividade. "Estamos claramente ante a devolución dun favor a este sindicato actuando dunha forma, canto menos, pouco clara e torticera", dixo a edil non adscrita.
Vanessa Rodríguez Búa recoñece que un único convenio colectivo para Concello e Terra pode non ser ilegal "pero é chafalleiro". Explica que aínda que o Dereito Laboral pode recoñecer un único convenio para ambas, "o xuridicamente correcto era o que se estaba negociando: un convenio para o persoal laboral do Concello e outro para o de Terra, negociados simultaneamente para que os textos fosen idénticos e polo tanto, as condicións as mesmas; un acordo regulador que vinculase aos funcionarios e a maiores, un acordo ou convenio para os empregados de cada unha das sociedades participadas polo Concello (Nauta, Turismo de Sanxenxo e Insula). Pero supoño que ao actual alcalde pensará que máis dá unha chapuza máis se con iso xa manteño calados aos meus amigos de CCOO".
Vanessa Rodríguez Búa sostén que se negocien os convenios por separado é "o lóxico e adecuado", porque tamén se celebran dous procesos diferentes de eleccións sindicais e créanse dous comités de empresa totalmente independentes.
No referente ás empresas públicas para Vanessa Rodríguez Búa non hai ningunha dúbida. "Que o presidente do Consello de Administración e o alcalde coincida que sexa a mesma persoa non lle autoriza a tomar unha decisión sen a autorización previa do Consello. No caso de Nauta, Telmo Martín sáltase as normas máis básicas e decide á súa antollo, demostrando de novo que é el o único que decide, manda e ordena; por iso é polo que o concelleiro de Persoal non sexa máis que un figurante".
Telmo Martín sáltase as normas máis básicas e decide á súa antollo
A Vanessa Rodríguez Búa chámalle a atención tamén o silencio do vicealcalde, Gonzalo Gonzalo Pita, que ata finais do mes de maio presidía a Mesa de Negociación. "Será por que non lle deixan opinar nesta materia ou será que facer as cousas de forma correcta e con pulcritude legal non lle preocupa en absoluto", conclúe.
"Se o que pretende o actual alcalde é gañar tempo, recoméndolle que siga adiante coa negociación que xa estaba iniciada, na que xa habiamos consensuado máis do 80% do texto, cos representantes dos traballadores que si querían lograr avances para os seus compañeiros; non como CCOO que tan só se dedicou a facer política e da mala, da que só entorpece, e iso faise evidente coas posturas contraditorias que foron adquirindo ao longo destes meses", e que concluíron cunha demanda na que non inclúen aos funcionarios (entre os que están os axentes da Policía Local) porque "saben que para eles necesitan negociar un acordo regulador".
Finalmente Vanessa Rodríguez Búa recomenda a Telmo Martín que se preocupe un pouco de "formarse e deixarse aconsellar xuridicamente, para evitar decisións ao fío da legalidade"e sorpréndese da "pomposidade" coa que está "a presumir da xestión que lle deixou feita o tripartito".
E é que a edil non adscrita lembra a Telmo Martin que a contratación dos socorristas o 15 de xuño realizouse xa o ano pasado e "este mesmo esquema foi o que deixei preparado para esta tempada. Así como a ampliación do período de contratación de todos os auxiliares da Policía Local, que tamén deixei contratados. Tampouco lembra Telmo Martín que se cansou de criticar a algúns dos membros do anterior grupo de goberno por estar constantemente para a foto. Pois el xa leva unhas cantas. Do único que parece non esquecerse foi de chamar ao seu bo amigo Pedrosa para unha reunión urxente".
Relacionadas:
-
Sanxenxo agarda ter novo convenio laboral, como moi tarde, a principios do outono
Por Redacción |
-
Vanessa Rodríguez renuncia a integrar o grupo municipal de SAL
Por Redacción |
-
Un único convenio regulará a todos os empregados municipais de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Comisiones Obreras denuncia a falta de recursos e de personal da Policía Local de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras demanda o Concello de Sanxenxo por negociación ilegal
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo desestima as alegacións de Comisións Obreiras ao orzamento
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras impugnou os orzamentos do concello de Sanxenxo por "palmaria ilegalidade"
Por Redacción |
-
O goberno local de Sanxenxo contraataca e acusa a CC.OO. de intentar coaccionalo
Por Redacción |