Limpeza de noiros en Monte Porreiro e a Parda de cara ao verán
Por Redacción
O Concello de Pontevedra realizou nestas semanas traballos de limpeza e roza en distintos noiros urbanos da cidade para retirar a vexetación que creceu durante o inverno e a primavera, acondicionalos, deixalos en boas condicións de cara o verán e evitar posibles perigos con lumes.
Foi un traballo que se realizou en 12.000 metros cadrados, especialmente no barrio de Monte Porreiro, e que tivo un custe de 3.484,80 euros.
O barrio de Monte Porreiro foi o principal punto de actuación. No ámbito das rúas Reino Unido e Luxemburgo actuouse para limpar os noiros lindeiros co edificio da igrexa católica, o instituto Luís Seoane, a escola infantil de Monte Porreiro, e o parque de lecer da rúa Reino Unido. Tamén se rozou unha esquina da rúa Luxemburgo.
A limpeza de noiros na zona urbana tamén se realizou no barrio da Parda entre os edificios do conservatorio Manuel Quiroga e a escola infantil da Parda.