Hai seis meses Ana Isabel Vázquez sentíase pequeniña ante a nova responsabilidade que tiña que exercer: dirixir e xestionar a Cidade da Cultura. Pasado ese tempo "vai collendo a medida" e tomando as rendas do cargo como lembra no Cara a cara de PontevedraViva Radio.
Mirando adiante hai un obxectivo claro: que a Cidade da Cultura sexa a plataforma para visibilizar o facer cultural de Galicia en todo o mundo e que os galegos sintan a Cidade da Cultura como algo común, algo de todos.
Por agora, hai uns cuantos pasos dados; algúns mesmo fixeron mirar atrás. Reconducir eses "momentos convulsos" en que se criticou e atacou o proxecto do Gaiás. De feito, Ana Isabel Vázquez apunta que hai quen tempo atrás cuestionárono e tras coñecelo persoalmente cambiaron totalmente de opinión.
Para a consecución desa meta, hai capítulos intermedios: achegar a Cidade da Cultura ao cidadán, tanto peonilmente, como en transporte ou automóbil. E para iso xestiónanse con outras administracións varios proxectos. Dentro do propio recinto, tamén se contemplan actuacións ambientais e paisaxísticas.
"Non esquezamos que no Gaías está situada AMTEGA e queremos fomentar o emprendemento do sector cultural e tecnolóxico", sinala. Non é unha frase feita, actualmente hai máis 100 empresas radicadas neste lugar ás que se apoia ofrecendo o emprazamento para a súa creación e desenvolvemento, ofertando formación, dando saída aos seus contidos, etc..e é xa o centro de emprendemento máis grande de Galicia.