"Non imos aceptar a quita, supón un expolio dos nosos aforros"
Por Natalia Puga
"Non imos aceptar a quita imposta na tarde de onte polo FROB para Novagalicia Banco, que supón un expolio dos nosos aforros, cunhas quitas mínimas de: preferentes, 43%; subordinadas perpetuas, 41%; deuda subordinada con vencimento, 22%". Unha afectada polas participacións preferentes da plataforma de Pontevedra-Marín actuou este sábado como portaoz dos prexudicados de toda Galicia nunha manifestación polas rúas da cidade do Lérez previa ao traslado a Silleda para protestar ás portas do Congreso Provincial do PP. En nome de todos mostrou o rexeitamento a quedar sen case a metade dos seus aforros.
A pesar de que a chuvia non deixou de caer durante toda a manifestación e non se puideron desprender do paraugas, a convocatoria logrou reunir varios centos de afectados que percorreron o centro de Pontevedra, entre o centro sociocultural de Novagalicia Banco e a sede da Deputación Provincial, mentres os seus compañeiros do resto da comunidade autónoma esperaban xa ás portas do recinto da Semana Verde de Silleda.
Ás portas da Deputación no paseo de Montero Ríos a afectada á que elixiron de voceiro para a ocasión mostrou a súa determinación de continuar coas protestas porque "non imos aceptar un non por resposta, non imos aceptar ningunha quita, non imos aceptar que nos rouben un céntimo dos nosos aforros, polo que imos loitar ata recuperar o que é noso: por dereito, por esforzo e por honrados que somos. Imos loitar ata que os gobernos e Novagalicia Banco entendan que os nosos aforros son sempre nosos e que o seu deber é gardárnoslos e dar conta deles, pero nunca dispoñer do noso capital ó seu antollo".
Dende o palco da Alameda e avalada por representantes das plataformas de afectados de Pontevedra-Marín, O Salnés e O Morrazo, recordou que "a día de hoxe, milleiros de galegos e galegas continúan atrapados na estafa das participacións preferentes e obrigacións subordinadas" e sinalou que"hoxe aquí, en Pontevedra, queremos trasmitirlles a eses gobernos, a eses políticos corruptos, a eses banqueiros ladróns, a nosa firme decisión de loitar polos nosos aforros todo o tempo que faga falta ata recuperar o 100% dos mesmos, e que nada nin nadie nos vai facer desistir do noso empeño durante meses e anos".
A manifestación contou co respaldo de políticos do BNG como o novo voceiro nacional, Xabier Vence, ou os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral; e deputados de de AGE, como Juan Fajardo, ou o PSdeG-PSOE, como Patricia Vilán. Nela, insistiron nesa continuidade no tempo das protestas. "Si temos que estar anos, estaremos anos, porque xa levamos máis dun ano e non temos problema por seguir", indicou a 'speaker' mentres o resto de asistentes coreaban "non vamos parar ata os cartos recuperar".
A pesar de que o anuncio da quita realizado na tarde este venres aumentou a indignación entre os afectados, percorreron Pontevedra nunha manifestación pacífica. David Rabuñal, da plataforma de Pontevedra-Marín, asegurou que "o da quita sentou fatal, no sentido de que non esperábamos que nos aplicasen tanta quita e que non fora adiante. Por desgraza para nós foi exageradamente alta" e mostrou o seu temor de que a esa quita lle suceda unha segunda agresión aos seus aforros de tal forma que "ao final nos vai a quedar o 10, o 15, o 20% do diñeiro que tiñamos".
"Están decepcionados e un pouco impactados por todo isto porque supón a expoliación do 100% do aforro nacional e de toda unha vida de esforzo, traballo, sufrimentos e privacións. ÿ penoso que pase isto", indicou sobre o resto de afectados. E trasmitiu o malestar polo traslado do Congreso do PP de Pontevedra a Silleda un día antes da súa celebración, xa que "o PP nos está escapando de todos os lados cando nós realmente protestamos e reclamamos o noso, pero en nigún momento usamos a violencia, respetamos as persoas, as institucións e as personalidades".