Un colexio de Vilanova, campión do programa Recíclate con Sogama
Por Redacción
Un colexio de Vilanova de Arousa, o Viñagrande-Deiro, foi proclamado campión do concurso escolar correspondente á quinta edición do programa Recíclate con Sogama 2016-2017, enmarcado no Plan Proxecta, e cuxo obxecto é promover a xestión sostible dos residuos urbanos nos centros educativos.
O centro vilanovés obtivo a máxima puntuación en todos os parámetros avaliados, tanto en relación ao traballo en competencias básicas e educación en valores, como nos vinculados estritamente á xestión xerarquizada dos residuos e a súa transformación en recursos, logrando implicar neste cometido ás familias e ao propio concello.
Se hai algo que distinga o excelente traballo desenvolvido por este centro, segundo o xurado, foi o espírito innovador do seu proxecto e a súa orientación pedagóxica, cunha aprendizaxe baseada na experiencia, na colaboración, na reflexión e na crítica construtiva, sendo os alumnos os principais axentes do cambio.
Baixo o título Planeta Deiro, o labor deste colexio dirixiuse a conectar aos escolares co seu eido ambiental, social, cultural e económico máis inmediato, tomando estes conciencia de como determinados xestos, hábitos e decisións poden contribuír en gran medida a facer da súa contorna un mundo mellor, máis habitable, máis esperanzador e libre de contaminación.
O uso das novas tecnoloxías erixiuse nunha prioridade, de aí que unha das actividades sexa a xeolocalización de todos os contedores que se atopaban nas proximidades do centro a través da colocación dunha pegatina na que mediante dúas Apps Layar e QR Droid, os cidadáns poden acceder a información de gran interese en forma de vídeos e podcast explicativos sobre os materiais a depositar en cada recipiente.
O mapa virtual compleméntase cun físico situado no propio centro no que tamén se visualiza o posicionamento dos distintos contedores. Toda unha operativa que permite, ademais, identificar puntos de contaminación dos que se deixa constancia no propio concello para que actúe en consecuencia, aportando as probas correspondentes.
Recíclate con Sogama é un programa de educación medioambiental que ten por obxecto implantar a recollida selectiva de lixo nos centros e propiciar unha correcta xestión do mesmo por parte dos cidadáns, trasladando as pautas necesarias para levar a cabo un consumo responsable.
O obxectivo é traballar para previr e reducir a xeración de refugallos, para fomentar o máximo aproveitamento dos produtos a través da reutilización e para propiciar a reciclaxe dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, previa separación dos materiais que os conforman e correcto depósito nos contedores habilitados nas vías públicas.
Na edición 2016-2017 participaron nesta iniciativa 19 centros de primaria de distintas localidades galegas, aos que Sogama proporcionou os medios materiais -illas de reciclaxe e compostadores-, así como didácticos e divulgativos, realizando avaliacións de seguimento in situ a través do seu persoal técnico.
Relacionadas:
-
Catorce colexios de Pontevedra participarán no programa Recíclate con Sogama
Por Redacción |
-
Javier Domínguez visita en Pontevedra o trailer expositivo da campaña "Oportunidades Galicia"
Por Mónica Patxot |
-
Pontevedra e Poio, na axenda de Oportunidades Galicia
Por Redacción |
-
Os bañistas de varias praias pontevedresas recibirán educación ambiental
Por Oskar Viéitez |
-
Estudantes da Escola de Forestais coñecen o funcionamento de Sogama
Por Redacción |
-
Moraña únese á moda da compostaxe doméstica impulsada por Sogama
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
Sogama promove a reciclaxe con motivo do Día Mundial da Educación Ambiental
Por Redacción |