Orixinal fin de curso: Clases na auga, ioga, teatro ou unha feira
Por Redacción
Na última semana do curso escolar os centros educativos da comarca están a facer gala dunha enorme creatividade atendendo á diversidade das propostas que están a levar a cabo durante estes días.
Por exemplo, os alumnos do Sagrado Corazón de Praceres gozaron da man da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra dunha clase práctica de iniciación ao deporte da pa. É dicir, cambiaron as clases pola auga.
Pola súa banda o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra organizou a súa primeira Feira de Libros Usados na que participou toda a comunidade educativa, seguindo o exemplo da feira celebrada este fin de semana en Marín.
Mentres no CEIP de Lourido estrearon a obra de teatro "O Valo", representada por dous actores de Pallasos en Rebeldía, que convidaron a reflexionar ao alumnado sobre as persoas refuxiadas e as fronteiras xeográficas.
Ata a praia, a de Mogor, tamén acudiron os alumnos do IES Chan do Monte. No seu caso foi para iniciarse no ioga. Tonificando o corpo para afrontar o longo e cálido verán.