A Revira pide que Pontevedra debata en Pleno a cesión de terreos cando ven o circo
Por Redacción
Varios integrantes da Asociación Cultura A Revira solicitaron este sábado formalmente que o Goberno local leve para o seu debate no Pleno da Corporación a cesión de espazos públicos aos circos con animais que visitan Pontevedra e que adoitan ubicarse nunha explanada de Mollabao.
A entidade presentou unha solicitude no Rexistro municipal de Pontevedra na que sinala que considera que os circos "representan todos os valores negativos e denigrantes de maltrato animal, polo que solicitamos os grupos municipais o debate sobre esta cuestión co obxectivo de por fin ao maltrato animal imitando a cidades coma Vigo".
Na súa opinión, "para construir unha nova sociedade con valores verdadeiramente humanos a exposición do maltrato animal, principalmente a nenos pequenos non é a mellor maneira de impartirlle uns valores de respecto e compromiso".
Indican que os circos representam un espectáculo que busca ser agradable, divertido e fomentar valores positivos no seu principal público, a infancia, pero todos estes principios teñen un lado escuro cando a programación inclúe números nos que usan animais. Falan de "crueldade" no transporte e adestramento.
A Revira xa manifestara o seu rexeitamento aos circos con animais no outono durante a última visita dun destes espectáculos, na que organizaron unha concentración ás portas dun dos espectáculos.