A provincia blíndase para garantir un turismo seguro
Por Natalia Puga
A provincia de Pontevedra blindarase entre o 1 de xullo e o 31 de agosto para garantir que veciños e turistas locais e estranxeiros teñan unhas vacacións con todas as precaucións. Dentro do Plan Turismo Seguro posto en marcha a nivel estatal polo Ministerio do Interior, reforzaranse os medios humanos e materiais, cun total de 88 efectivos máis da Garda Civil e a Policía Nacional, e centrarase a atención nos lugares de máis aglomeración de persoas, o Camiño de Santiago e os puntos de interese turístico.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; o comisario da Policía Nacional, Manuel Bouzas; e o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, presentaron o plan este venres nun acto na Subdelegación do Goberno no que tamén tiraron de estatísticas e aseguraron que, segundo os datos relativos ao primeiro trimestre de 2017, na provincia de Pontevedra hai unha taxa de criminalidade do 29%, moi por baixo da media nacional, que se sitúa no 43,3%.
A seguridade é un dos motivos fundamentais que leva aos turistas estranxeiros a elixir España como destino, por iso é polo que resulta tan importante este dispositivo especial de seguridade, que se pon en marcha en nove comunidades autónomas e leva un reforzo de 2.639 axentes da Garda Civil e a Policía Nacional. En Pontevedra, dos 88 novos efectivos, 38 son da Policía Nacional (31 alumnos en prácticas e sete no Escuadrón de Cabalería) e 50 da Garda Civil, en concreto, 33 de seguridade cidadá, cinco do Seprona, sete do Escuadrón de Cabalería para reforzar o Camiño de Santiago, dous dos Tedax e tres da Policía Xudicial.
Entre as cuestións que centrarán a atención das Forzas e Corpos de Seguridade será a loita contra o terrorismo. "A ninguén se lle escapa que estamos nunha época na que existe un temor á comisión de atentados, xa que todos vimos como o terrorismo modificou as formas e os obxectivos", explicou Ana Ortiz, de modo que extremarán todas as precaucións.
A subdelegada do Goberno insiste en que "a seguridade ao 100% non se pode garantir, pero si que se pode asegurar que se poñen todos os medios dispoñibles para achegarnos ao nivel de máxima satisfacción" e ese é o obxectivo deste plan, que se pon en marcha para extremar a prevención nos lugares de maior afluencia turística, garantir a seguridade dos cidadáns e axudar ao sector turístico a conseguir unha maior competitividade.
Entre os obxectivos marcados, incrementarase a seguridade cidadá e no Camiño de Santiago; haberá colaboración coa Garda Nacional Republicana portuguesa (GNR), que xa o ano pasado operou en Sanxenxo e Baiona para atender aos seus cidadáns; apostarase por dar unha atención "máis rápida e efectiva" aos afectados por algún feito delituoso; e, como novidade, haberá unha nova versión da aplicación para móbiles AlertCops que incorpora a posibilidade de comunicarse a través do chat cos turistas en máis de 100 idiomas.
Vías urbanas e interurbanas, estacións, portos, aeroportos, hoteis, praias e cámping centrarán a súa atención e tamén se reforzarán as medidas de seguridade en espectáculos e acontecementos que supoñan grandes concentracións de masas. Ademais, potenciaranse as actuacións para a obtención de información en prevención de actos terroristas e os labores de investigación das unidades de Policía Xudicial.
En canto aos eventos que centrarán a atención das forzas de seguridade, o próximo 28 de xuño haberá unha reunión da Policía Nacional e a Garda Civil coa Policía Local de Pontevedra para establecer os calendarios, pero, en principio, non hai ningún que xere máis preocupación que outro. Iso si, non se descarta adoptar medidas similares ás de Nadal ou ou Semana Santa instalando obstáculos que evite o paso de turismos a zonas de gran aglomeración de persoas.
Ademais do reforzo de efectivos, haberá recursos materiais e nos puntos de atención de turistas repartiranse carteis informativos editados en 10 idiomas con recomendacións para os turistas e información de contacto da Policía Nacional e a Garda Civil. Tamén nas comisarías haberá unha atención específica aos turistas estranxeiros, aos que se facilitará realizar copias compulsadas de documentación "para que poidan deixar o documento oficial no hotel".
Relacionadas:
-
Espectacular presentación da Unidade de Cabalería que patrullará montes e camiños
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A Policía Nacional saca a cabalería para axudar ao peregrino e previr incendios
Por Natalia Puga |
-
A Policía Nacional colabora coas oficinas de turismo para propiciar unha contorna máis segura ao visitante
Por Redacción |
-
As patrullas mixtas da Garda Civil e a GNR portuguesa volven este verán a Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Garda Civil e a GNR portuguesa coordinan en Pontevedra a seguridade transfronteiriza
Por Redacción |
-
A Policía Local de Sanxenxo crea unha brigada para mellorar a seguridade na movida nocturna
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Ortiz recibe os 'guardinhas' que patrullarán este verán en Baiona e Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Garda Civil inicia a súa campaña estival
Por Redacción |