Jorquera: A Feijóo non lle preocupa que Rajoy arruine Galicia. Só lle preocupa non crearlle problemas
Por Alejandro Espiño
De Pontevedra a Monte Pío. Con ese espírito, o BNG celebrou na Praza do Teucro o seu mitin central de campaña na cidade. Nel, o seu candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, demostrou que se ve como o verdadeiro rival de Núñez Feijóo, ao que dedicou a maior parte das súas críticas. Del dixo que "está máis preocupado porque Galicia non sexa un problema para o Estado que porque as políticas de Rajoy estean levando Galicia á ruína".
"Feijóo non se opuxo ao decreto do Estado do copago dos medicamentos dos pensionistas, ao decreto enerxético, ao expolio dos nosos aforros coa bancarización das caixas ou ao decreto que legaliza a estafa masiva das preferentes, é iso poñer a Galiza primeiro?", ironizou Francisco Jorquera respecto do lema de campaña do PP.
Neste sentido, explicou que o programa electoral de Núñez Feijóo, "é o dunha Galicia sumisa e obediente a Madrid e a novos recortes", como en Portugal e Grecia, dixo o candidato nacionalista, "por iso Galicia precisa abrir unha nova etapa, da man do BNG", que aposta entre outras medidas por máis autogobierno, un banco público e unha nova política fiscal.
Francisco Jorquera reiterou as súas críticas a Núñez Feijóo por comportarse como un "frío contable" no canto de como un verdadeiro presidente da Xunta e advertiulle que a solvencia "consiste en loitar contra o paro, loitar contra a crise, e nestes asuntos Feijóo é un presidente insensible co drama que estamos a vivir, non hai tal solvencia".
Para rematar, Jorquera concluíu facendo un chamamento para que o próximo 21 de outubro "non desaproveitemos a oportunidade de frear a Feijóo e tamén a Rajoy". Porque segundo o candidato do BNG, votar ao PP "é dar un cheque en branco a Rajoy, un aval que o lexitime para seguir aplicando brutais recortes e baixe as pensións".
Nesa mesma liña, o voceiro nacional do partido, Guillerme Vázquez, afirmou que Galicia non se merece un presidente "antigalego, inútil e mentiroso" como Núñez Feijóo. Mentres que o candidato por Pontevedra, Carlos Aymerich, mostrouse convencido de que "ímoslles parar os pés, imos facerlles fronte, non imos consentir que sigan estragando o país". Ambos pediron o voto para o BNG "para gobernar nós a nosa terra".
E o anfitrión do mitin, Miguel Fernández Lores, orgulloso da resposta cidadá a un mitin "ao que non é necesario traer invitación", lamentou que non haxa ningún sector que non sufra as consecuencias de "as mentiras, a submisión, a inutilidade e a incompetencia" da Xunta de Galicia. E animou a votar ao BNG o próximo día 21 "para ver se botamos para España a Núñez Feijóo".