A presenza do piquete durante a tarde mantivo pechados os supermercados
Por Anxo Lourido
O piquete que se moveu por Pontevedra durante a tarde con motivo da folga no sector da alimentación apenas tivo descanso. E, formado por ao redor de cincuenta traballadores e representantes sindicais, foi protagonista dalgúns momentos de tensión.
Ao mediodía, nun supermercado Gadis sete manifestantes pertencentes ao sindicato CIG foron identificados polos axentes da policía ao entender que se produciran altercados no establecemento. Non obstante, na Policía Nacional non hai constancia de ningunha denuncia.
Durante a tarde, ao paso do piquete, unha bengala inundou de fume alaranxado o interior do supermercado Gadis situado na rúa Benito Corbal.
O resto de centros de Froiz e Moldes que o piquete se encontrou polo camiño estaban pechados. Algúns dos integrantes levaban a cabeza tapada con carapuchas ou o rostro parcialmente cuberto. E todos se encontraban expectantes polo que podía estar a suceder na reunión que a patronal e os sindicatos mantiñan en Vigo.
Na rúa Joaquín Costa, detrás do Hospital provincial, os manifestantes derrubaron un colector sobre a calzada obrigando os vehículos a subir á beirarrúa para poder circular.
Minutos despois, á altura do Froiz situado na rúa José Casal, de novo derrubáronse outros dous colectores impedindo o paso dos vehículos. Os manifestantes continuaron a súa marcha ata o Gadis de la Avenida de Vigo. Alí, algún deles golpeou o cristal e os axentes da policía intentaron identificar os presuntos causantes do xiro dos colectores. Nese momento, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de Comisións Obreiras, dirixiuse a un dos axentes para preguntarlle por que estaban a pedirlles a identificación e, segundo a versión do sindicalista, inmediatamente pediulle a súa para tomar datos. Xerouse un tumulto. O resto de axentes baixaron dos vehículos e mantívose un tenso diálogo entre os policías e os sindicalistas co obxectivo de tranquilizar a situación. Unha axente comentaba "se queimades colectores ou vos tirades non medio da vía, temos que detervos. Así que tentade que non haxa incidencias e que todo vaia normal". Un dos axentes indicou a Pedrosa que aquilo era un trámite e que non ía producirse ningunha denuncia.
Finalmente, o piquete continuou ata a zona de Campolongo e ao seu paso encontraron tanto o Froiz coma o Gadis pechados.
- Pareces da CIG. Díxolle un cargo do sindicato nacionalista a García Pedrosa:
O de CC.OO. contestou sorrindo:
- Eu son máis radical que a CIG.
Máis tarde, Pedrosa falaba cos outros dous manifestantes identificados que temían ter que enfrontarse a unha sanción económica por parte da Subdelegación do Goberno. Un compañeiro apuntou "si hay sanción la pagamos entre todos".
O percorrido continuou ata o HiperFroiz de Cobián Roffignac. Recibiran o aviso de que se encontraba aberto. Pero cando chegaron, aínda que había luz no interior, os enreixados encontrábanse baixados.
Pasaban das sete da tarde. Hora de reunirse en asemblea para planificar a xornada de mañá, á espera de noticias da negociación en Vigo.
Relacionadas:
-
Por que se desconvocou a folga da alimentación?
Por Anxo Lourido |
-
Desconvocada a folga da alimentación tras chegar a un preacordo na negociación ás 22:30h.
Por Anxo Lourido |
-
En Vilagarcía, o seguimento da folga da alimentación foi desigual
Por Aitana Vidal |
-
Presencia "tranquila" dos piquetes da alimentación nas rúas
Por Oskar Viéitez |
-
Piquete nocturno para abrir cinco días de folga: "Non ves que estamos a defender os dereitos dos teus fillos?"
Por Natalia Puga |