Impulsan unha campaña de posta en valor da Escola de Cantería de Pontevedra
Por Redacción
A Deputación Provincial poñerá en marcha unha campaña de posta en valor da Escola de Cantería de Pontevedra nos institutos de educación secundaria, os concellos e os medios de comunicación para lograr chegar a alumnos potenciais e animar os mozos pontevedreses a que se matriculen nun centro con potencialidades a nivel de inserción laboral e que pode garantirlles un futuro.
A campaña, que presentou este venres a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inclúe unha difusión dos datos de matrícula e os obxectivos da escola, pero tamén un vídeo con imaxes do día a día deste centro. Insiste tamén en que matricularse nesta formación pode abrir un futuro laboral que pase por participar en proxectos como o Capitolio de Washington, no que traballan dous pontevedreses para as obras de restauración desde hai semanas.
Respecto diso, destacou que hai ex alumnos da Escola de Cantería que están a traballar no Capitolio, pero tamén en rehabilitacións en Lisboa, a Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou a Catedral de Westminster en Londres.
O prazo de preinscrición para o curso 2017-2018 xa está aberto desde o 22 de maio e permanecerá ata o 15 de setembro. Poderán preinscribirse todas as persoas menores de 35 anos interesadas en recibir a formación de canteiro ou mestre canteiro e que estean en posesión do título de graduado escolar ou equivalente.
A preinscrición poderá levar a cabo a través da web. Na web están dispoñibles as materias comprendidas na programación didáctica (tanto as materias básicas orientadas ao dominio e manexo de ferramentas e materiais, técnicas e oficios como as materias complementarias que contribúen ao desenvolvemento intelectual e formativo do alumnado) e os horarios das clases. Para calquera dúbida as persoas interesadas poderán chamar ao teléfono 986 804 100, extensión 42553.
Relacionadas:
-
Concello e Escola de Restauración traballarán man a man a prol da visibilización do centro
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Unha das dez mellores universidades de Xordania interésase pola Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería busca o próximo Mestre Mateo
Por Noticia patrocinada |
-
Contratan dous canteiros pontevedreses para a restauración do edificio do Capitolio, en Washington
Por Oskar Viéitez |