Carmela Silva considera unha "vergoña" que o PP non aprobe a lei de identidade de xénero
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, considera "intolerable" que o Parlamento galego non aprobe a Lei de Identidade de Xénero e cualificou como "unha vergoña para Galicia" a creación dunha unidade de referencia para nenos trans cando están a ser pechadas no resto do Estado por basearse nun principio de discriminación.
A presidenta provincial esixe que o Partido Popular explique "un só motivo racional para votar o contra" como anunciou o pasado xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
"Síntome avergoñada dun goberno incapaz de lexislar con xustiza", dixo Carmela Silva respecto dunha lei que permitiría igualar en dereitos ao colectivo trans con outras comunidades autónomas que xa teñen aprobadas estas leis.
Carmela Silva fixo estas declaracións este luns nun acto de balance da exposición fotográfica "Sorrisos transformadores", unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS), que busca a "visibilización, sensibilización e naturalización" do colectivo trans para promover a "igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito para ser diferentes".
Como novidade, á exposición súmase unha película documental dirixida por Noemí Chantada que dá voz a nenos transexuais e ás súas familias, xunto a xuristas, expertos médicos e profesores.
Carmela Silva expresou o dereito destas persoas para decidir "sobre a súa vida e a súa identidade" e destacou que "a administración non pode regular a vida da xente, nin a igualdade ou a liberdade".
Cristina Palacios, presidenta de Arelas, mostrou a súa pesar ante a "morte anunciada" dunha lei que aúna "moitos soños de persoas que tiñan posta nela moitísimas expectativas" polo que non entende que o PP se opoña a esta norma e non defenda a persoas que "día a día son rexeitadas" na súa contorna.
"É un erro histórico", indicou. "Oxalá que o PP rectifique no último momento e vote a favor", desexou a presidenta de Arelas.
Respecto da unidade de trastorno de identidade de xénero, Cristina Palacios, criticou que este tipo de centros "están a pechar en toda España" polo que rexeitou que os nenos teñan que "ser diagnosticados por psicólogos e psiquiatras para descartar que teñan algunha enfermidade mental" e preguntouse "por que hai a sospeita detrás deles de que son enfermos mentais?".
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Sorrisos transformadores desde a Deputación para un colectivo discriminado
Por Redacción |
-
Palabras para (Trans)formar a visión dos futuros profesionais da educación
Por Redacción |
-
A Escola de Enfermería acolle un obradoiro de atención para menores trans
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación incorpora aos seus programas de igualdade as demandas de 234 entidades da provincia
Por Redacción |
-
Carmela Silva esixe "medidas drásticas" contra o "autobús do odio" de Hazte Oír
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación visibiliza o seu compromiso coas políticas de igualdade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |