Se vas ao San Benitiño... ten coidado coa carteira
Por Redacción
11 de xullo. San Benito. E toca festa grande en Lérez. É o día de cantar á famosa canción popular "Se vas ao San Benitiño, non vaias ao de Paredes, que hai outro máis milagreiro, San Benitiño de Lérez". E tamén o día de extremar as precaucións para evitar ser vítima dun delito.
A Policía Nacional alerta de que hai verdadeiros especialistas en aglomeracións que aproveitan a romaría de San Benito que se celebra este martes para furtar ao descoido carteiras e outro tipo de obxectos persoais. Ante tal situación, piden aos miles de cidadáns que se prevé que acudan tanto á misa no mosteiro como á romaría situada nos salóns do Río Lérez que teñan coidado coas súas pertenzas.
Xa coa chegada das rebaixas, e en previsión das aglomeracións que adoitan producirse en festa e romarías cada verán, a Comisaría Provincial da Policía Nacional puxo en marcha un plan antifurtos que este martes reforzarase por San Benito para que non se amargue a xornada de festa.
Durante esta época impúlsase a presenza policial cun maior número de efectivos de radiopatrullas e axentes a pé, tanto uniformados como de paisano, ademais de reforzar a colaboración coa Policía Local. O dispositivo tamén pretende facilitar consellos e pautas seguras de conduta aos comerciantes e resto de cidadáns. Consultar aquí.
Para os nenos menores, os axentes aconsellan anotar o teléfono da nai ou pai en pulseiras identificativas ou no brazo para que en caso de perdas a localización dos seus proxenitores sexa máis fácil.
Relacionadas:
-
Policías de uniforme e de paisano reforzarán a seguridade na romaría e as misas de San Benitiño
Por Natalia Puga |
-
Os carteiristas, á espreita por San Benitiño
Por Redacción |
-
Milleiros de persoas cumpren coa tradición nunha multitudinaria romaría de San Benitiño
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Música e mexillóns para San Bieito
Por Redacción |