Milleiros de persoas cumpren coa tradición nunha multitudinaria romaría de San Benitiño
Por Redacción & Mónica Patxot
Non se lembra unha romaría de San Benitiño tan multitudinaria como a deste ano, polo menos, na nosa memoria máis recente. Miles de persoas cumpriron coa tradición e, como cada 11 de xullo, acudiron ás inmediacións do mosteiro de Lérez para rogarlle ao santo máis "milagreiro" a curación dos males, sobre todo os relacionados coa pel.
Desde primeira hora da mañá, os fieis achegáronse ata o santuario para, como mandan os canons pasar tres veces por baixo do altar e levar o aceite para a cura das verrugas, ademais de deixarlle billetes á figura do santo.
A misa principal desenvolveuse ás 13.00 horas e tras a súa finalización celebrouse a tradicional procesión polos arredores do mosteiro.
A parte máis lúdica desta romaría tivo lugar alén do río, na praia fluvial do Lérez, onde se concentrou a vertente máis popular do San Benitiño.
Os asistentes puideron gozar da habitual mexillonada, todo iso amenizado coa música tradicional dos Gaiteiros das Rías Baixas e Os Alegres e o grupo de pandereteiras de Verducido.