O Concello cederá terreos para a nova rotonda diante da entrada de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra cederá os terreos necesarios para construír unha nova rotonda de acceso ao centro Príncipe Felipe.
Esta rotonda tamén servirá de entronque á nova rede viaria que se creará no plan da ampliación do Hospital Montecelo, segundo revelou este mércores a concelleira Carme da Silva.
A obra, que supera o medio millón de euros de importe de partida, será sufragada pola Deputación e terá todos os elementos necesarios para garantir a accesibilidade universal e a seguridade viaria, con pasos exclusivos para o tráfico peonil e lombos.
A glorieta permitirá unha mellor e máis fácil incorporación e saída dos vehículos que van ao centro, ademais de servir como medida de calmado do tráfico na zona, evitando altas velocidades na vía de subida a Montecelo dende a estrada a Ponte Caldelas. Así mesmo, construiranse amplas beirarrúas na parte exterior que permitirán un mellor tránsito peonil.
A rotonda terá un diámetro de 40 metros e para a súa instalación será preciso utilizar parte dos terreos da cidade infantil. De feito, o punto central estará no lugar que agora ocupa a caseta de control de acceso aos diferentes edificios.