Reforma integral e "imprescindíbel" para o Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Diego Espiño
O Concello anunciou este xoves a súa intención de acometer unha reforma completa do "pavillón con máis uso de Pontevedra", o Multiusos da Xunqueira.
O goberno local manexa xa un proxecto técnico centrado na adecuación interior e mellora da eficiencia enerxética. Con todo, asegura o concelleiro Demetrio Gómez, "deberiamos estar falando dun novo pavillón porque agás a estrutura do edificio ímolo cambiar todo" ao tratarse dunha "obra imprescindíbel".
Entre as actuacións previstas atópase a instalación dunha nova cuberta con illante térmico, a impermeabilización do teito, o cambio da cristalería nos laterais do pavillón, unha instalación nova de electricidade, fontanería, sistemas antincendios, novas caldeiras e sistema de quecemento de auga a través de placas solares. Ademais adaptarase a instalación para que sexa plenamente accesible, así como os seus aseos.
No orzamento incluirase tamén o cambio das dúas pistas deportivas, a mellora do equipamento e a reforma dos 18 vestiarios para equipos, os 3 para árbitros e os almacéns, xa que a instalación presta servizo aos campos de fútbol da Xunqueira.
Para levalo a cabo prevese un investimento de 2.106.000 euros e un prazo de execución de 12 meses, polo que durante ese tempo tentarase recolocar aos clubs que habiualmente usan o Mutiusos noutros pavillóns da cidade.
"A ver se para final de ano podemos estar traballando", prognosticou Demetrio Gómez, aínda que primeiro debe elaborarse o prego de condicións para sacar a licitación pública a obra.
Relacionadas:
-
A reforma integral do multiusos da Xunqueira farase en cinco meses
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello planea transformar a cafetería do campo de fútbol da Xunqueira en oficinas para os clubs
Por Diego Espiño |
-
Piden a Costas desafectar o ámbito do pavillón de deportes e gran parte da Xunqueira
Por Alejandro Espiño |
-
A remodelación integral do multiusos da Xunqueira custará uns 300.000 euros
Por Alejandro Espiño |