Arranca a operación "Centinela Gallego" cun maior despregamento da Brilat
Por Oskar Viéitez
As patrullas da Brilat e do Terzo Norte da Armada iniciaron este venres o seu despregamento no marco da operación "Centinela Gallego" que contribúe á vixilancia e prevención de incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia. Como novidade este ano incrementouse este dispositivo en dúas patrullas, o que supón unha media diaria de cen militares activos.
Cada patrulla esta composta por dous militares e un vehículo.
O xeneral da Brilat, o xeneral Antonio Romero Losada, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez despediron este mediodía na base militar pontevedresa Xeneral Morillo, de Figueirido, ás patrullas que realizarán o seu labor nas cinco zonas asignadas pola Xunta de Galicia debido á súa elevada conflitividade.
Simultaneamente partiron patrullas das sede de Siero en Asturias e da Coruña no caso do Terzo Norte, co que "xa está completamente iniciada" a operación da Xunta.
A conselleira Ángeles Vázquez destacou o incremento de patrullas previsto neste convenio que manteñen desde o ano 2007 entre a Xunta e o Ministerio de Defensa "co obxectivo da prevención visual e o efecto disuasorio" ademais das comunicacións que se establezan entre os distintos organismos implicados na prevención e loita contra o lume.
"Teño que agradecer ao ministerio esta forma de involucrarse con Galicia", dixo a titular de Medio Rural.
O xeneral, Romero Losada, valorou esta operación como "muy positiva" xa que "formamos parte de la comunidad gallega y somos los primeros interesados en que no haya incendios" e ademais sinalou que "para nosotros es muy bueno que la sociedad nos vea cerca y conozca la utilidad del Ejército".
O dispositivo consta de tres niveles de esforzo ou risco, "actualmente estamos en nivel medio", afirmou a conselleira. Isto implica que se mobilizan un total de 27 patrullas, dúas máis que ao ano anterior, correspondendo 22 á Brilat e 5 á Armada, o que supón a mobilización diaria duns cen militares.
Se se decreta o risco "moi alto" a Xunta, que é a que financia este dispositivo, poderá aumentar o número ata os 75 e dous helicópteros e se o risco é "alto" o nivel de esforzo será de 50 patrullas.
As zonas de especial vixilancia están situadas en 5 zonas distintas: unha comprendida pola área de Fisterra e O Barbanza, outra O Condado Paradanta e O Ribeiro-Arenteiro; outra na Limia; outra en Verín-Viana; e a quinta na zona de Valdeorras e Trives.
Relacionadas:
-
A Brilat volve ao monte contra os incendios: "Intentamos aportar nuestro granito de arena para que Galicia no sufra esa lacra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat súmase desde o domingo á campaña de prevención de incendios forestais
Por Redacción |
-
Máis de 240.000 quilómetros percorridos e 81 avisos, balance do primeiro mes da loita da Brilat contra os incendios
Por Redacción |