Por que se desconvocou a folga da alimentación?
Por Anxo Lourido
A primeira hora desta mañá do martes 26, os traballadores na entrada do centro loxístico de Froiz en Lourido e os empregados de Moldes na entrada ao seu centro eran informados por representantes da CIG e de CC.OO. sobre o preacordo asinado onte á noite en Vigo. Moitos deles coñecían a esa hora a desconvocatoria da folga da alimentación.
Curiosamente, en UGT descoñecían que xa se tiña trasladado a información aos traballadores nesas reunións que eran consideradas polos outros sindicatos como asembleas con maioría dabondo para ofrecer apoio ao acordado entre patronal e sindicatos.
E é que a resolución do conflito, a pesar de tantas horas de negociación, resultou complexa e precipitada. Os teléfonos dos representantes sindicais non pararon de soar durante a medianoite.
Hora e media antes do final da reunión do luns en Vigo o diálogo entre patronal e representantes dos traballadores encontrábase practicamente roto. Pontevicus, que representa a empresa Gadis, mostraba a súa negativa a apoiar as bases nas que se estaba a soster o preacordo. Non era a única parte da patronal que se negaba a asinar. Non obstante, durante a última hora, os representantes de Froiz foron cambiando o parecer da maioría dos que se mantiñan máis distantes da postura sindical. A Froiz interesáballe o acordo, afirman fontes sindicais, pero a cambio reclamaba a desconvocatoria inmediata da folga. E así foi.
Non se gardaron as formas habituais dos sindicatos nestes conflitos. O normal sería manter a folga un día máis á espera de que se convocasen as asembleas de traballadores e ratificasen o acordado polos representantes. Pero non había tempo que perder. Ás dez e media da noite consultouse ao grupo minoritario de traballadores que se mantiña reunido en Vigo á espera dos resultados da negociación. A decisión estaba tomada. Deron o visto bo e asinouse. En Pontevedra, a asemblea xa se disolvera dúas horas antes e os traballadores estaban organizados para continuar cunha segunda xornada de folga. E así, ás seis da mañá recibiron a noticia da desconvocatoria dalgúns dirixentes sindicais á porta dos centros.
O preacordo terá que ser ratificado agora no convenio colectivo pero aínda non hai data para que as partes se volvan sentar. Entre o máis destacado que se contempla no escrito asinado establécese un incremento do salario dun 0,25% para este ano e en 2014 e 2015 ascenderá a un 1%. Iso si, sacrifícase a claúsula de revisión salarial. O escrito foi asinado por todas as partes agás por Pontevicus-Gadis que considera que se "introduciron elementos de distorsión da competitividade empresarial".
Para os sindicatos trátase dun bo preacordo xa que evitou que a Reforma laboral entrase no convenio do comercio da alimentación. E para a maioría da patronal freouse unha folga que ameazaba con causar perdas millonarias ao longo desta Semana Santa.