Pontevedra e comarca teñen garantida a subministración de auga ata setembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O consumo de auga realizado por habitantes de Pontevedra e da comarca procedente da estación de bombeo de Couso (Lérez) sitúase en 35.000 metros cúbicos de media durante este verán, cando no inverno é de 20.000 metros cúbicos.
Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra, sinalaba que este consumo actual correspóndese co que realizan 160.000 habitantes, o dobre da poboación do municipio. Explicaba ademais que Marín, Bueu ou Sanxenxo, concellos que tamén reciben auga da capital, están a empregar as súas subministracións.
En todo caso, González afirmou que a subministración está garantida, dende o Lérez, ata setembro con este consumo de auga e aínda que non chova durante o resto do verán. Con todo, pediu á poboación que faga un consumo responsable da auga desde un punto de vista medio ambiental. O representante municipal visitaba este mércores as instalacións da estación de bombeo situada na marxe do Lérez.
A situación do río é, apuntou, similar á de 2015 e mellor que a sufrida en 2013 onde foi necesario acudir ás reservas do Pontillón do Castro para o abastecemento e tivéronse que adoptar medidas restritivas do consumo de auga.
O portavoz do goberno local de Pontevedra engadiu que en caso de emerxencia antes de recorrer á auga do Pontillón reduciríase e mesmo se eliminaría o consumo de auga de Ence e anularíase a limpeza de rúas con auga ou a rega dos xardíns.
Os principais picos de consumo de auga prodúcense tradicionalmente nas xornadas de cambio de mes e en festivos como o do próximo 25 de xullo.
Relacionadas:
-
O Lérez sobe o caudal de forma sorprendente e o goberno local culpa a Ence de despilfarrar a auga
Por Redacción |
-
O baixo caudal do Lérez obriga a recorrer ao Pontillón do Castro para subministrar auga á comarca
Por Anxo Lourido |
-
Barro corta a auga de madrugada e solicita reservas a Pontevedra
Por Redacción |
-
Medio Ambiente instalará sondas nos bombeos da rede de saneamento
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé |