Os lombos na PO-223 entre Lérez e Xeve, rexeitados só por Cidadáns
O debate sobre a instalación de lombos no rural volveu ao pleno municipal. Pero, nesta ocasión, cun resultado inesperado. A corporación aprobou, coa única oposición de Cidadáns, instar á Xunta a impoñer medidas de acougado de tráfico na PO-223, estrada que une Pontevedra e Campo Lameiro, ao seu paso polas parroquias de Lérez e Xeve.
A moción, presentada polo BNG, recibiu o apoio do PSdeG-PSOE. Tanto Partido Popular como Marea abstivéronse. Iso si, aprobouse non sen críticas por parte da oposición e dos membros da plataforma O Rural Existe presentes no pleno. Estes foron convidados a irse pola Policía Local -a petición do alcalde- tras interromper a sesión plenaria en varias ocasións.
Os veciños lamentaron ter que acudir ao pleno para ser escoitados polos membros do equipo de goberno, aos que reprocharon "non dar a cara" na asembleas que se foron convocando polo rural nas últimas semanas e impoñer medidas de acougado de tráfico polas parroquias sen acordalas con eles e sen atender outras prioridades.
O edil responsable do rural, Demetrio Gómez, foi o encargado de defender esta moción na que o BNG expresaba a súa preocupación ante o "grave problema" de seguridade viaria que existe nas zonas máis poboadas de Lérez e Xeve, atravesadas pola PO-223, e nas que "hai que facer un esforzo" para aplicar os mesmos criterios que nos espazos públicos da cidade.
A "loita" contra a "violencia viaria" no rural, segundo Gómez, debe ser unha "verdadeira prioridade" e, neste sentido, explicou que a rede de estradas que depende da Xunta "non está adaptada" a criterios de accesibilidade e seguridade viaria, fronte ao "modelo Pontevedra" que prioriza, dixo, o tránsito peonil sobre os vehículos.
Os oito quilómetros desta estrada, entre a entrada á Porta do Sol e a saída de Fragoso, precisan dunha actuación "prioritaria", limitando a velocidade a 30 quilómetros por hora e instalando lombos, beirarrúas e sendas en lugares sensibles como o centro de saúde de Lérez, os dous colexios, os teleclubs de Lérez e Xeve ou o parque da Bouza, entre outros.
"Os veciños deben sentir que o espazo público é seguro", engadiu o edil do BNG, de forma que "non teñan medo a morrer atropelados".
María Rey, a única que votou en contra, criticou que o BNG trate aos coches como "máquinas infernales" e reclamou actuacións que non "penalicen" a ninguén e que teñan en conta a todos os usuarios da vía para unha "mejor convivencia". Ademais, suxeriu solucións "alternativas" aos lombos como rotondas, semáforos ou pasarelas peonís.
"Hay otras necesidades en el rural y deberían atenderlas", demandou a portavoz de Cidadáns, que lamentou que os lombos sexan a "imagen de marca" do BNG e o seu "único objetivo" para Pontevedra como partido político.
O portavoz de Marea, Luís Rei, asegurou que o BNG ve unha realidade "diferente" no rural á que teñen os pontevedreses, aos que se lles está "polarizando" con este asunto e lamentou que a velocidade 30 implantada nas vías de Pontevedra "por decreto" terminase por contaxiar toda a actividade do goberno municipal.
Rei concluíu chanceando coa posible vinculación do artista Luís Fonsi, autor da canción "Despacito", con Pontevedra, unha cidade que "circula lenta" á hora de solucionar os principais problemas dos cidadáns.
O socialista Agustín Fernández, pola súa banda, aínda que votou a favor da moción denunciou que esta iniciativa "non é inocente" e que o BNG pretendía "implicar" ao resto da corporación na procura de solucións que "deberían buscar antes", ao poder resolverse dialogando coa administración correspondente, a Xunta de Galicia.
No goberno municipal, dixo, hai "deixadez de funcións" e con esta moción recoñece "explicitamente" que o executivo está "paralizado". Os socialistas rexeitan, en todo caso, que o BNG pida ao resto de partidos que "avalemos a súa propia ineficacia".
Pola súa banda, desde as filas do PP, o concelleiro César Abal explicou que esta moción "certifica a defunción" dos consellos parroquiais, ao chegar ao pleno sen ser aprobado por este órgano de participación cidadá.
O edil sinalou que o BNG "non quere dar a cara" aos veciños e cualificou de "covarde" esta moción ao non tratar os asuntos "dos que hai que falar" como a falta de saneamento e abastecemento de auga no rural, as deficiencias en marquesiñas e limpeza viaria, os problemas de iluminación pública ou os incumprimentos en parques públicos.
Ante estas críticas, Demetrio Gómez asegurou que a oposición se centra en "dar voltas e voltas" a este asunto porque "non comparten" o modelo urbano aplicado en Pontevedra que, lembrou, foi recoñecido a nivel nacional e internacional, criticando que haxa quen sitúe os amortiguadores dos coches "por riba dás persoas".
OUTRAS MOCIÓNS
Ademais, a corporación aprobou por unanimidade sacar a licitación canto antes o servizo de cafetería do pavillón municipal e a redacción dunha nova ordenanza que regule os vaos, a iniciativa de PP e PSdeG-PSOE respectivamente. Tamén obtivo un apoio maioritario a adhesión de Pontevedra a unha rede de cidades contra a violencia de xénero.
Co rexeitamento do BNG e o apoio do resto da oposición quedaron aprobadas tamén as iniciativas para mellorar a accesibilidade do pavillón municipal, para que se fagan obras de reforma urbana na zona de Campolongo Sur ou a iniciativa de Cidadáns para que haxa maior transparencia na xestión dos contratos menores do Concello.
Neste último punto, a pesar de ser aprobado, o secretario do pleno asegurou que se trata dunha decisión que non é vinculante, xa que segundo a normativa legal a xestión destes contratos é competencia exclusiva da Xunta de Goberno municipal e da propia Alcaldía.
Relacionadas:
-
O goberno local aproba a instalación de lombos no núcleo de Cerponzóns
Por Anxo Lourido |
-
'O Rural Existe' considera a instalación masiva de lombos como "un insulto á xente do rural"
Por Natalia Puga |
-
Antes de fin de ano estará reformada con lombos a rúa entre Valdecorvos e Santa Margarida
Por Redacción |
-
Moita retranca na "inauguración" veciñal da avenida do Generalísimo Mosquera en Verducido
Por Redacción |
-
Acordo político para regular os plenos a partir de setembro
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG buscará apoio no pleno para pedir á Xunta lombos en Lérez e Xeve
Por Diego Espiño |
-
Xeve e Verducido terían máis lombos, di a Deputación, de seguir a normativa de Fomento
Por Redacción |
-
Pontevedra regulará os lombos, avisa Moreira, "porque es lo que quieren los vecinos"
Por Alejandro Espiño |
-
A Plataforma "O Rural Existe" reclama menos lombos
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- O Pleno da Deputación recolle as protestas dos veciños do rural contrarios á instalación masiva de lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |