Inician as obras de mellora da contorna da igrexa parroquial de San Gregorio de Corredoira
Por Redacción
Tras anuncialo previamente cun bando, o Concello de Cerdedo-Cotobade iniciou as obras de mellora de seguridade viaria e canalización da rede de pluviais, así como da dotación de máis espazo de aparcamento na contorna da igrexa parroquial de San Gregorio de Corredoira.
Este proxecto de construción de cunetas e canalización de augas, que foi enviado polo goberno local á Deputación de Pontevedra para a súa aprobación, centrarase na optimización da rede de augas pluviais coa instalación na beiravía dunha tubaxe de 400 milímetros de diámetro e a instalación dun sistema de drenaxe que recollerá as choivas e escorrentías.
Deste xeito, as augas estarán perfectamente canalizadas e non afectarán ao firme da estrada EP-0401 entre Carballedo e Caroi ao seu paso por este punto, o cal beneficiará tanto ao seu mantemento en bo estado como á seguridade do tráfico.
Ademais, a nova canalización, que se instalará na actual cuneta, estará cuberta por unha plataforma de formigón rebasable, polo que este espazo servirá de aparcadoiro para os vehículos da zona e beneficiará especialmente aos veciños nas xornadas nas que haxa oficios relixiosos ou outro tipo de celebracións.
O proxecto, que se centra nun treito de 63 metros, permitirá que haxa unha circulación máis segura, xa que na actualidade a marxe esquerda ten certa perigosidade ao carecer de beiravía, e mellores condicións de estacionamento.
Cubela, que cre que os traballos se executarán con axilidade e estarán concluídos en semanas, explicou que a actuación, aínda que sinxela, soluciona os problemas de tráfico na zona, "xa que cumpre cos obxectivos de mellorar a circulación de vehículos, incrementa a seguridade, permite controlar as augas pluviais e crea máis espazos de aparcamento, moi necesarios cando hai celebracións na parroquia".