Consello policial para Semana Santa I: se vai ao caixeiro, asegúrese de que non está manipulado
Por Natalia Puga
Comezamos unha serie cos consellos que achegan dende a Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra para mellorar a seguridade dos cidadáns de cara á Semana Santa. Trátase de recomendacións dirixidas a comerciantes e cidadáns nunhas datas nas que se suceden aglomeracións, procesións, acontecementos na vía pública e compras que adoitan ser aproveitadas polos 'cacos' e tratan de evitar que os pontevedreses convertan en vítimas dalgún furto, estafa ou roubo con intimidación.
O primeiro consello desta serie está enfocado nos caixeiros automáticos e sucursais bancarias.
A Policía Nacional recomenda que se teña moito coidado cando un acode a un caixeiro para facer un reintegro. ÿ importante observar se hai mecanismos sospeitosos pegados a este, e teclear a nosa clave ao tempo que ocultamos os números coa outra man.
Hai que ter especial atención en situacións nas que algún individuo nos anuncia que nos caeu algo ao chan. Pode haber un reclamo, normalmente un billete de pouco valor, para provocar que nos agachemos e nese intervalo conseguir o diñeiro que sae do caixeiro.
Noutras ocasións dannos o cambiazo da tarxeta de crédito, collen a nosa da rañura e introducen outra, normalmente da mesma entidade, coa mesma cor e anagramas, para non levantar sospeitas. A vítima a coloca na súa carteira sen pensar que non é a súa, que xa se encontra en mans dos delincuentes que dispoñen de tempo abondo para esgotala, xa que poden pasar días ata que volvamos utilizala de novo.
Recomendan un especial coidado ás persoas maiores que acoden ao banco a retirar cantidades considerables de diñeiro en efectivo. Deberán poñer atención tanto antes de entrar na sucursal coma ao saír desta para intentar asegurarse de que ninguén os está a seguir para subtraerlles o diñeiro que acaban de retirar.
ÿ importante e fundamental é gardar o diñeiro nun sitio seguro, o interior da chaqueta ou un bolso pechado con chave, non saír co sobre na man para evitar que alguén ao descoido llo arrebate e saia correndo.
O consello final vai enfocado, en todos os casos, a axudar a que se xa foi vítima dun furto ou roubo o autor deste poida ser localizado o antes posible. Desta forma, será importante, de cara a presentar a correspondente denuncia na Comisaría de Policía, reter os máximos datos posibles dos autores: cantos eran, idade aproximada, descrición física e das súas vestimentas, se tiñan un acento determinado, marcas, tatuaxes, pendentes ou piercings, todos os datos que poidamos achegar serán importantes de cara á investigación policial.
Non convén esquecer que en caso de que nos subtraesen a carteira ou o bolso hai que dar aviso inmediato ás entidades das que depende a tarxeta de crédito para dala de baixa. En apenas unhas horas os delincuentes poden facer cargos ata esgotar o noso saldo.
Recorde ademais os teléfonos 091 e 112.