Chegan os lombos a Moraña e traen mensaxe: 'Atención, mirar esquerda-dereita'
Por Redacción
Os pasos de peóns sobreelevados solicitados polo Concello de Moraña nas inmediacións do santuario de Amil e en Santa Xusta dentro do Plan Móvese da Deputación xa están rematados.
Así o deu a coñecer este venres o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra. O seu titular, Uxío Benítez, engadiu que ademais destes elementos de calmado de tráfico, nas vindeiras semanas a institución provincial tamén realizará o pintado da sinalización horizontal de dúas estradas do municipio.
A instalación dos lombos iniciouse a primeiros de mes e xa finalizaron os traballos de albañilería (adaptando as beirarrúas), aglomerado, pintado horizontal e instalación de sinalización vertical. Só quedan por instalar os captafaros reflectantes para dar visibilidade aos redutores de velocidade, traballos que se realizarán tan pronto como sexan subministrados pola empresa adxudicataria.
Os lombos colocáronse, a petición da Alcaldía, nas inmediacións do santuario de Amil, no punto quilométrico 14+000 da EP-0018, e no punto 0+650 da estrada provincial EP-8201, entre Moraña-Santa Xusta e Couso.
Ambas as dúas construcións realizáronse en vías con beirarrúa dobre e aparcadoiro. Como novidade fronte aos lombos habituais, os elementos redutores de tráfico instalados pola Deputación ao abeiro do Plan Móvese levan unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: 'Atención, mirar esquerda-dereita'.
As actuacións do Plan Móvese fixéronse a través da participación e solicitudes dos concellos, a raíz das que o departamento de Mobilidade executará preto de 600 elementos de calmado de tráfico logo de recibir máis dun milleiro de peticións.